Deputación de Lugo

O Goberno creará un Consello Provincial de Turismo para establecer unha estratexia conxunta en impulso do sector 

- O Deputado de Turismo avanzou que este Consello é unha das medidas que contempla o Plan Estratéxico de Turismo que está a desenvolver o Executivo da Deputación - A necesidade de contar con este órgano é, precisamente, unha das recomendacións do “Informe sobre o Turismo en Lugo”, elaborado polo Eixo Atlántico e presentado hoxe - “Mentres non teñamos resolto os problemas de mobilidade e infraestruturas na provincia, todo o demais está lastrado”, así o manifestou o Secretario do Eixo Atlántico

O goberno da Deputación está traballando na elaboración do primeiro Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, que establecerá as liñas estratéxicas e os plans de actuación prioritaria para o período 2016-2020. Este Plan contempla a creación dun Consello Provincial que se encargará de xestionar e coordinar as actuacións turísticas nos concellos lucenses, tal e como anunciou o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, esta mañá en San Marcos.

A necesidade de contar cun órgano provincial que impulse de forma homoxénea e conxunta as accións en materia turística é precisamente unha das recomendacións que recolle o “Informe sobre o Turismo na Provincia de Lugo”, elaborado polo Eixo Atlántico e presentado este xoves, coa presencia de Vidal Baamonde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o Alcalde de Monforte, José Tomé, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López.

Na súa intervención, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico sinalou que non se poderá impulsar o desenvolvemento turístico da provincia de Lugo se non se resolven antes as deficiencias nas comunicacións, tanto nas conexións viarias como nas infraestruturas tecnolóxicas. “Mentres non teñamos resolto os problemas de mobilidade e infraestruturas na provincia, todo o demais está lastrado”, asegurou. Nesta liña, o Informe do Eixo Atlántico destaca entre as principais debilidades que impiden desenvolver todo o potencial turístico da provincia as deficiencias nas vías de comunicación e as malas conexións aeroportuarias, o que requiriría da intervención dos gobernos autonómico e central, que son os que posúen as máximas competencias no eido das infraestruturas.

Vázquez Mao tamén reclamou unha maior recoñecemento turístico para a provincia de Lugo, xa que conta cunha oferta diferencial con personalidade propia, e pediu a implicación do sector privado para impulsar o sector.

A provincia de Lugo, referente turístico
Pola súa parte, os Alcaldes que participaron na presentación reivindicaron as potencialidades de Lugo para converterse nun referente turístico e incidiron na súa aposta polo traballo conxunto e na necesidade de contar coa implicación dos axentes turísticos do sector privado.
Así, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo fincapé na importancia de buscar sinerxías, entre o público e o privado e avanzou que o seu Goberno traballa no eido do turismo por dúas premisas, polas súas potencialidades para xerar emprego e asentar a poboación, e para buscar un turismo de excelencia. "Non vale calquera tipo de turismo, queremos un turismo excelente", asegurou Lara Méndez, ao mesmo tempo que fixo fincapé na materia prima que ten Lugo con respecto a outros destinos para conseguilo: gastronomía, riqueza paisaxística ou a calor das súas xentes.
A rexedora botou man das cifras para falar do impacto económico do turismo, que supón un 11% do PIB de Galicia, e que supón un 12% da creación de emprego. Lara Méndez lembrou que o pasado ano os viaxeiros se incrementaron un 11%, máis de 46.600, tanto os nacionais como os internacionais, segundo datos da Oficina Municipal de Turismo, incrementándose en 15 anos un 92%. Así mesmo, recoñeceu algún dos obxectivos que persegue o Goberno, conseguir a pernoctación e o máis ambicioso, acadar que Lugo sexa a cidade de referencia do Norte de España.
Estratexia turística provincial
O Alcalde de Monforte, José Tomé, subliñou a necesidade de contar cunha estratexia de provincia, “xa que o traballo illado non serve de nada”, e destacou a colaboración que están levando a cabo as Alcaldías de Lugo, Sarria e Monforte, así como a Deputación e o Eixo Atlántico, xa non só en materia turística, senón tamén materia de infraestruturas.  Tomé destacou o valor do Informe elaborado polo Eixo Atlántico para que o organismo provincial siga traballando no deseño dun plan global para todos os concellos da provincia.

Finalmente, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, tamén incidiu na necesidade de que os Concellos lucenses complementen e vertebren as súas accións turísticas. E anunciou que dende o Concello que dirixe farán todo o posible para que Adif non reduza os servizos ferroviarios da estación de Sarria. Ademais, lembrou que esta mesma fin de semana celébrase a primeira Feira Internacional do Porco, “Fiporco”, impulsada polo Concello para poñer en valor a súa gastronomía e coa que colabora o organismo provincial.