Deputación de Lugo

Veciños de Ribas do Miño percorren un treito do Camiño Sur dentro de Km0 a Compostela

Imaxe deputación de lugo
Preto de 300 persoas participan esta semana nas seis rutas organizadas do programa medioambiental Km0

A Ribeira Sacra, a Terra Chá e A Mariña son os destinos elexidos polos participantes que estes días participan na iniciativa da Deputación A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos, a dous grupos, un da Asociación de Veciños de Silvades (Ribas do Miño) e a outro da Asociación de Xubilados de ANPE “Lugo Sindicato”, dentro do programa de visitas institucionais Km0 que promove a Deputación. En total, esta semana participarán preto de 300 persoas que elexiron a Ribeira Sacra, a Terra Chá e A Mariña como destinos das súas rutas. É o caso dos veciños de Ribas do Miño, que optaron pola zona sur da provincia, onde fixeron un treito do Camiño Sur, incluído na modalidade do programa medioambiental, Km0 a Compostela. A ruta discorreu pola zona de Pena do Castelo. Ademais, tamén visitaron a adega Regina Vilarium e embarcaron en Doade para facer un percorrido en catamarán por Amandi. Os membros da Asociación de Xubilados de ANPE “Lugo Sindicato”, desprazáronse ata a Terra Chá. Primeiro, visitaron as instalacións da Granxa Gayoso-Castro, na que a Deputación construirá o vindeiro ano o primeiro centro público de recría de España, o seguidor solar e a Torre dos Andrade. Ademais, a ruta incluíu unha visita á área recreativa de Vilalba, ó Museo Arqueolóxico deste municipio e á Charca de Alligal. A Mariña será a protagonista de mañá. Un grupo da Asociación de Veciños de Galegos (Lugo) coñecerán o casco histórico de Viveiro. Ademais de visitar a igrexa de Santa María do Campo, a porta de Carlos V e o mirador de San Roque, achegaranse ata un dos areais máis importantes deste municipio, a praia de Covas. Asimesmo, un grupo de solicitantes individuais tamén se desprazará ata o Concello de Cervo, onde visitarán a ría e a ponte de ferro. Subirán a Estaca de Bares e farán unha ruta de sendeirismo de 7,5 quilómetros dende Morgallón. Por último, integrantes do Centro de Maiores de Caixa Galicia en Viveiro optarán o xoves pola ruta que inlcúe unha visita ó Mosteiro de Samos e á Capela do Ciprés. Ese mesmo día, o xoves, un grupo da Asociación de Xubilados da Pastoriza coñecerán o Mazo de Santa Comba. A continuación, desprazaranse tamén ata o sur da provincia, onde visitarán a igrexa de San Miguel de Eiré, o Castelo de Maside e o Mosteiro de Ferreira de Pantón.