Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación leva 545 actividades culturais aos Concellos, favorecendo aos colectivos máis vulnerables e ao rural

- O Presidente informou que “facémolo a través de 407 asociacións de 56 Concellos da provincia, que resultaron beneficiadas das axudas de 400.000 euros, que puxemos en marcha dende a área de Cultura da Deputación”
- Campos Conde subliñou que “incorporamos cláusulas sociais ás bases para favorecer actividades no rural e primar as dirixidas a persoas con capacidades diferentes, maiores ou mulleres. É unha aposta por nunha Deputación coas persoas, social e rural”
- Por zonas, na Mariña concedéronse 137 axudas de 89.680 euros a 91 colectivos de 14 Concellos; na zona Centro son 244 axudas de 180.475 euros a 189 colectivos de 18 Concellos; na Comarca de Sarria son 31 axudas de 25.499 euros a 26 colectivos de 6 Concellos; na Comarca da Ulloa son 20 axudas de 16.662 euros a 15 colectivos de 3 Concellos; na Montaña son 39 axudas de 28.928 euros a 27 colectivos de 8 Concellos; e no Sur son 74 axudas de 55.935 euros a 59 colectivos de 10 Concellos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este mércores que o Goberno Provincial leva 545 actividades culturais a 56 Concellos da provincia. “Facémolo a través de 407 asociacións da provincia, que resultaron beneficiadas das axudas de 400.000 euros, que puxemos en marcha dende a área de Cultura. Como novidade, este ano incorporamos cláusulas sociais ás bases desta convocatoria de axudas para favorecer a celebración de actividades en núcleos rurais, dinamizándoos socialmente; así como para primar as programacións dirixidas aos colectivos máis vulnerable, como, por exemplo, a persoas con capacidades diferentes ou maiores. Todo isto, dentro da nosa aposta por converter a esta institución, nunha Deputación coas persoas, social e rural”, subliñou Campos Conde.

E é que, por primeira vez, puntuáronse, favorablemente, os proxectos para actividades dirixidas á terceira idade, ás persoas con capacidades diferentes, ás mulleres, cativos ou á mocidade. Ademais, tívose en conta a dispersión territorial e poboacional para primar aquelas programacións que se levan a cabo no rural. Tamén se valorou o impacto e repercusión da actividade cultural entre a sociedade ou o fomento da cooperación entre as distintas asociacións culturais. Todo isto con cláusulas sociais.

Favorécense aos colectivos máis vulnerables e ao rural
Como mostra do resultado das cláusulas sociais nas bases desta convocatoria de axudas públicas, que, de xeito pioneiro, decidiu incluír o Goberno da Deputación para favorecer as programacións para colectivos máis vulnerables (persoas con capacidades diferentes, maiores, mulleres...); e aquelas que se desenvolven en zonais rurais; algúns dos colectivos beneficiados, entre outros moitos exemplos, son:

a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que recibe unha axuda para o funcionamento dunha aula de cultura en Cervo; a Banda de Gaitas de Caurel para clases de música en Folgoso do Courel; a APA do CPI de Cervantes para cursos de informática; a Asociación de Pais de Alumnos do CEIP de San Xoán de Becerreá para obradoiros sobre as emocións ou mecanografía; a Asociación de Mulleres Rurais a Carballeira do Páramo para cursos de restauración ou pintura; a Asociación Cultural Abrente para actividades de música e baile tradicional nas Nogais; a Asociación de Mulleres de San Bartomeu de Insua para obradoiros de liño, lá ou tapices, entre outros, en Vilalba; a Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo para cursos sobre a lingua, exposicións ou obradoiros; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte para o desenvolvemento dun proxecto cultural na comarca de Lemos; a Asociación de Xubilados de Taboada para a organización de cursos e eventos culturais; a Asociación de Persoas Xordas e Maiores de Lugo para encontros e xuntanzas; a Asociación de Síndrome de Doín para o funcionamento dun grupo de teatro; a Asociación A Mariña Cogami para obradoiros de fotografía e informática en Ribadeo; a Asociación de Pensionista e Xubilados de Riotorto para actividades culturais; AUXILIA de Monforte de Lemos para actividades culturais de integración; a Fundación ANADE para cursos de formación de teatro e fotografía, entre outros centos de exemplos.

Consulta as listaxes cos beneficiados
Logo de que o Executivo aprobase a resolución estas subvención na pasada Xunta de Goberno (xoves 29 de decembro), o Boletín Oficial da Provincia publicou as listaxes completas cos beneficiados, que se poden consultar nas seguintes ligazóns: http://bit.ly/2j3NYaH (actividades culturais permanentes) e http://bit.ly/2iZPZRf (eventos puntuais). As subvencións contemplan 2 liñas de actuación: axudas de entre 300 e 8.000 euros para programacións de carácter anual, que supoñen a principal actividade da entidade asociativa; e axudas de entre 300 e 6.000 euros para actividades con carácter puntual.

Distribución por zonas
Por zonas, na Mariña concedéronse 137 axudas por un importe total de 89.680 euros, que reciben 91 colectivos dos seguintes 14 Concellos: Alfoz (3 asociacións); Barreiros (7 asociacións); Burela (10); Cervo (7); Foz (18); Lourenzá (1); Mondoñedo (13); A Pontenova (1); Ribadeo (8); Riotorto (7); Trabada (2); O Valadouro (3); Viveiro (8); e Xove (3).

- zona Centro, concedéronse 244 subvencións por un valor de 180.475 euros, que reciben 189 colectivos dos seguintes 18 Concellos: Abadín (2 colectivos); Begonte (7); Castro de Rei (8); Castroverde (3); O Corgo (6); Cospeito (5); Friol (2); Guitiriz (3); Guntín (1); Meira (3); Outeiro de Rei (8); A Pastoriza (4); Pol (4); Portomarín (1); Rábade (3); Vilalba (23); Xermade (11); Lugo (95).

- na Comarca de Sarria concedéronse 31 axudas de 25.499 euros, que reciben 26 colectivos dos seguintes 6 Concellos: O Incio (4 colectivos); Láncara (3); Paradela (1); O Páramo (1); Samos (4); e Sarria (13 colectivos).

-na Comarca da Ulloa concedéronse 20 axudas de 16.662 euros, que reciben 15 colectivos dos seguintes 3 Concellos: Antas de Ulla (7 colectivos); Monterroso (5); Palas de Rei (3 colectivos).

- na Montaña concedéronse 39 axudas de 28.928 euros, que reciben 27 colectivos dos seguintes 8 Concellos: Baleira (3 colectivos); Baralla (3); Becerreá (4); Cervantes (3); Folgoso do Courel (3); A Fonsagrada (4);  Negueira de Muñiz (3); As Nogais (4).

- na zona Sur concedéronse 74 axudas de 55.935 euros, que reciben 59 colectivos dos seguintes 10 Concellos: Bóveda (1 colectivo);  Chantada (15); Monforte de Lemos (18); Pantón (3); A Pobra do Brollón (2); Quiroga  (9);  Ribas de Sil (2); O Saviñao (2) Sober (3); e Taboada (4 colectivos).