Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Fundación Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na organización de Equigal

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Gandeiría participou na presentación do evento que se desenvolverá esta fin de semana e reunirá ás mellores gandeirías equinas de España

Jose María Arias subliñou que “desde a Deputación apoiamos calquera iniciativa que favoreza a apertura de novos negocios. Un exemplo disto tamén é o Centro de Recría que construiremos na Granxa Gayoso-Castro” O Deputado de Gandeiría, José María Arias, e o Director-xerente da Fundación Pazos de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este xoves a segunda edición de Equigal. Salón do cabalo de Galicia, que se celebrará desde o 18 ó 20 deste mes no Pazo de Feiras e Congresos. Durante estes días estarán presentes en Lugo algunhas das mellores gandeirías equinas de España. É dicir, por segundo ano consecutivo a cidade luguesa volverá a ser a capital do Cabalo de toda España, adquirindo unha dimensión maior, xa que aumenta a calidade e variedade de razas equinas que estarán presentes nesta cita. Atoparemos cabalos de Pura Raza Española, de Pura Raza Galega e Raza Árabe. No acto de presentación, no que tamén participaron os responsables de Eguigal, os irmáns Xacobo e Estanislao Pérez Paz, o Deputado de Gandeiría subliñou que “se trata dunha extraordinaria oportunidade para desfrutar dunha fin de semana diferente e do apaixoante mundo do cabalo. E dentro de Galicia, este Salón tiña que celebrarse necesariamente na nosa cidade, porque non debemos esquecer o importante peso que ten o sector gandeiro na provincia de Lugo”. Neste senso, Arias destacou que a cría de cabalo de Pura Raza Española está a ter cada día máis peso na nosa Comunidade. “Por iso desde a Deputación quixemos colaborar neste evento, xa que desde esta institución apoiamos calquera iniciativa que favoreza a apertura de novos negocios. Un exemplo deste apoio ó sector gandeiro é o Centro de Recría que construiremos na Granxa Gayoso-Castro e que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas en Galicia. Ademais, será o 1º centro de recría público de España. Trátase dunha aposta directa polo sector agrogandeiro en xeral, algo que non é unha cuestión menor nun momento de crise económica como o actual”. II edición de Equigal Equigal celebrará a súa segunda edición esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Este ano contará ademais de coa Pura Raza Española, co Cabalo Pura Raza Galega, coa Raza Árabe e coas gandeirías e clubes deportivos participantes no “I Jumping Territorial de Salto de Obstáculos” (modalidade deportiva que inclúe unha participación de razas moi diversas). Do mesmo xeito desenvolverase a proba puntuable para o Campionato Galego de Andadura Federada nas modalidades de Serrada e Chapeada, dous xeitos de evolucionar na ambladura dos cabalos. Ademais dos concursos oficiais, o certame contará con exposicións a cargo das mellores gandeirías galegas e españolas, que amosarán ó visitante todo tipo de produtos e servizos relacionados co cabalo: guarnicionería, alimentación, veterinaria, complementos hípicos para cabalo e xinete, transporte, e asociacións equinas. Na chamada zona de lecer, os nenos serán os protagonistas de “Equixoven” (Escola Infantil de Monta en Poni), onde os máis pequenos poderán desfrutar dun espazo de animación.