Deputación de Lugo

Uns 50 estudantes de Lugo e de Taboada coñecen a Reserva Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
Os estudantes participarán estes días en visitas guiadas nas que comprobarán a riqueza mediambiental da zona

Estudantes do IES A Piringalla de Lugo e do CEIP Santo Tomé de Taboada coñecen estes días a Reserva da Biosfera Terras do Miño, así como o Centro de Interpretación do río Rato. Hoxe, 20 alumnos do centro educativo lugués, que foron recibidos pola Deputada de Economía, Regina Polín, participaron nunha visita guiada, na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosaron ós participantes a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. O día 9, 25 rapaces, de 6 a 8 anos, do centro educativo de Taboada coñecerán o Centro de Interpretación do río Rato, incluído neste espazo natural. Con estas visitas, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera en 2002. Os escolares tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.