Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a que apoie a alternativa das cooperativas para adquirir a fábrica de Pascual

Imaxe deputación de lugo
A institución provincial solicita á administración autonómica manter os investimentos previstos en Viveiro e que adxudique antes de finais de ano o parque de bombeiros xa licitado

O equipo de goberno vota en contra da moción presentada polo PP para a construción dunha residencia para válidos en Baleira porque o Concello non cedeu os terreos O Pleno da Deputación aprobou este martes a proposta do equipo de goberno na que se insta á Xunta de Galicia a tomar en consideración e dar o apoio político e económico á alternativa presentada polas cooperativas agrarias galegas para adquirir a fábrica de Pascual en Outeiro de Rei e recuperar a súa plena actividade empresarial e comercial. O pasado mes de maio, o Grupo Pascual anunciou un Expendente de Regulación de Emprego (ERE) que afecta a 155 traballadores. No transcurso deste tempo foron varias as institucións e organizacións de todo tipo que se pronunciaron en contra do peche e a favor de manter activa unha fábrica que levaba máis de 15 anos funcionando a pleno rendemento, polo que o organismo provincial considera que é urxente que a administración autonómica apoie a postura das cooperativas. Evitar o peche da fábrica de Pascual e recuperar a súa actividade empresarial é fundamental para xerar riqueza e emprego en comarcas cunha importante vocación e produción leiteria coma a Terra Chá e tamén para consolidar e aumentar o valor do sector lácteo, no camiño de conseguir un Grupo Lácteo Galego. Así o entenden as principais cooperativas agrarias de Galicia que ofrecen alternativas para comprar e manter activa a fábrica, e nisto debe implicarse a Xunta, tendo en conta que o goberno galego debe impulsar accións empresariais encamiñadas a crear riqueza e emprego na Comunidade. Investimentos en Viveiro Asimesmo, aprobouse a proposta conxunta do equipo de goberno na que se solicita á administración autonómica a que se manteñan os proxectos inversores aprobados ou programados do anterior goberno de Galicia en Viveiro. Nos orzamentos presentados pola administración autonómica para o ano 2010, o Deputado de Persoal, Melchor Roel, explicou que “se vei con claridade que o corredor e, concretamente ó tramo que afecta a Viveiro sofren un retraso no seu enunciado en canto á dotación económica e prazo de execución”. Neste senso, engadiu que “ó mesmo tempo seguen sen comenzar o tramo Celeiro-San Cibrao que saíu a contratación en xaneiro de 2009 e que se adxudicou con certa demora no mes de xullo. O orzamento previsto para esta actuación é de 32.329.182 euros. Se se teñen en conta os orzamentos da Xunta non existiría dotación para pagala ata o ano 2010 como mínimo”, apuntou Roel. Ante esta situación, a Deputación pídelle á Xunta manter os trazados e características marcados no estudo de impacto medioambiental publicados no Diario Oficial de Galicia para a variante de Viveiro da estrada Ferrol-San Cibrao; que se comecen as obras no tramo Celeiro-San Cibrao de acordo co proxecto que deu lugar á súa adxudicación; que se adxudique antes de finais de ano o parque de bombeiros de Viveiro xa licitado; e que se manteña o investimento programado es aspectos que afectan ós veciños como a ampliación do Hospital da Costa. Centro de Día Baleira O equipo de goberno votou en contra da moción presentada polo Partido Popular na que se lle solicita á Deputación a posta en marcha dos distintos trámites administrativos para que se inicien as obras da residencia comunitaria para válidos, un centro de día e un circuíto de ximnasia e de mantemento que estaba previsto que o organismo provincial construise en Baleira. A Xunta de Goberno do 25 de maio de 2007 aprobara o convenio que rexe a construción desta infraestrutura que ten un investimento de 1.189.966 euros. O Concello non cedeu os terreos e, por tanto, o organismo provincial non puido proceder á súa tramitación. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato, subliñou que “a Deputación mantén o compromiso pero non dispoñemos dos terreos, por tanto onde replanteamos?. O que temos é un proxecto básico e con isto non se pode ir a ningún sitio. Ademais, existe un informe do Servizo de Urbanismo que di que para a contratación é necesario un proxecto de execución”. Polígono de Abadín O Pleno tamén aprobou o informe sectorial realizado polo Servizo de Vías e Obras sobre o proxecto do Plan Especial redactado pola Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para a delimitación de solo industrial en Gontán (Abadín). A área industrial terá unha dimensión de 29.000 metros cadrados e ten un investimento de 1.630.000 euros. O Plan Especial, que terá que ser aprobado polo Concello e pola Xunta, establece 4 hectáreas de solo, situado nunha das marxes da estrada provincial CP 0103 de Gontán a Reigosa, e prevé a ampliación da estrada provincial deste vial, no tramo contiguo á área industrial, co fin de absorber o tráfico xerado pola súa ampliación. SUPLUSA está a crear solo industrial en 31 Concellos. Concretamente, a Sociedade Urbanística Provincial actúa, ademais de en Abadín, en Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Begonte, Burela, Carballedo, Castroverde, Cospeito, Chantada, A Fonsagrada, Friol, Gutín, Láncara, Meira, O Incio, Ourol, O Páramo, Pantón, Paradela, Pedrafita, Pobra de Brollón, Pol, Riotorto, O Saviñao, Sober, Trabada, Triacastela, Viveiro, O Vicedo e Vilalba.