Deputación de Lugo

A Deputación forma a emprendedores na comercialización de produtos autóctonos

Imaxe deputación de lugo
A iniciativa enmarcase dentro de Lug02, o programa do organismo provincial cofinanciado por fondos europeos que aposta pola economía medioambiental

Gómez Besteiro presenta a xornada informativa Apoio a xóvenes investigadores para a constitución de empresas no ámbito da alimentación O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co Vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, presentaron este martes a xornada informativa Apoio a xóvenes investigadores para a constitución de empresas no ámbito da alimentación, unha das actuacións de mellora da comercialización de produtos autóctonos que promove a organismo provincial dentro do programa europeo Lug02. O curso, que se desenvolve este martes no Pazo Provincial, ofrece un asesoramento completo para constituir unha empresa de alimentación dando a coñecer as axudas para a súa constitución, os servizos de institucións coas que se pode contar para dar os primeiros pasos ou para facerse cun local. Da mesma maneira, os participantes escoitarán as experiencias de outros emprendedores que tamén contaron coa investigación para a posta en marcha dos seus negocios. Gómez Besteiro explicou que esta xornada “é un paso máis da aposta da Deputación polo medio ambiente e a tecnoloxía plasmada en Lug02, o programa do organismo provincial; dotado de cinco millóns de euros e cofinanciada nun 70% por fondos da Unión Europea, que aposta pola economía medioambiental”. Neste senso, o titular do organismo provincial subliñou que “dos 10.000 quilómetros cadrados que ten Lugo, máis da metade están hoxe declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO, é dicir o 55% da provincia. Por iso, a Deputación fixo o que nunca antes se fixera e o que agora causa o interese de outras institucións: buscar o desenvolvemento da provincia mediante a valoración dos recursos naturais e o I+D+I ”. Durante a presentación desta xornada; dirixida a novos investigadores, diplomados ou licenciados, Goméz Besteiro destacou a importancia de “reinventarse e aproveitar os fondos europeos do programa de Lug02 ”. Neste senso, o titular do organismo provincial salientou “a colaboración do organismo provincial e o Campus de Lugo para que os universitarios fagan realidade proxectos proveitosos de negocio”. Pola súa banda, o Vicerreitor do Campus de Lugo agradeceulle á Deputación o feito de “ter en conta a Universidade para o desenvolvemento da economía. Hoxe, nós aportaremos nesta xornada a experiencia para que os xóvenes emprendedores fagan empresas rendibles. No futuro, podedes contar nós para o que sexa oportuno”.