Deputación de Lugo

Besteiro pon a disposición das outras Deputacións galegas e da Xunta o programa Innova-TE

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación asinou un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da e-Administración en Galicia xunto cos titulares das outras institucións provincias, da FEGAMP e do Goberno Autonómico

O máximo responsable provincial ofreceu a súa colaboración leal e construtiva e incidiu en que “deste protocolo teñen que saír resultados palpables” A Deputación de Lugo xa está a implantar a administración electrónica a través do Innova-TE, un programa con 9 millóns de euros “que conseguimos grazas ó Goberno de España” O Presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, asinou este luns en Santiago o protocolo de colaboración para o desenvolvemento da e-Administración en Galicia xunto cos Presidentes das Deputacións da Coruña, Salvador Fernández Moreda, Ourense, José Luis Baltar e Pontevedra, Rafael Louzán; da FEGAMP, Carlos Fernández e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O protocolo compromete ós asinantes a intercambiar información precisa no que atinxe á administración electrónica no ámbito económico, e a establecer unha colaboración permanente para coordinar actuacións e aforrar recursos. O máximo responsable da institución luguesa incidiu en que “deste protocolo teñen que saír resultados palpalbes” e ofreceu a súa colaboración leal e construtiva. Gómez Besteiro apuntou que “os veciños do rural xa non piden estradas senón cobertura de móbil, de Internet e da TDT”. Esta situación aínda é máis preocupante no interior de Galicia, onde afecta especialmente a dispersión, unha orografía que dificulta as comunicacións e unha poboación avellentada. O Presidente provincial destacou, ademais, un dato eco-tecnolóxico: “na provincia de Lugo menos do 40% das 22.000 empresas que non superan os 100 asalariados ten acceso a Internet, fronte á media nacional que se sitúa no 92,34%”. A e-Administración en Lugo co Innova-TE “Á marxe deste convenio de colaboración, a Deputación de Lugo está xa inmersa na implantación da e-Administración e na creación de emprego a través das novas tecnoloxías cun ambicioso programa que conta co aval e respaldo da Unión Europea e que conseguimos grazas ó Goberno de España. Trátase do Innova-TE, un dos nosos retos, que vén acompañado de 9 millóns de euros -é dicir, preto de 1.500 millóns das antigas pesetas- e que beneficiará a 261.323 habitantes”. Segundo subliñou, “o Innova-TE non só será clave para a provincia Lugo; poñémolo á disposición das outras Deputacións e da Xunta de Galicia”. Este programa naceu coa finalidade de crear emprego e garantir a implantación das novas tecnoloxías tanto nos Concellos como na propia Deputación. Contempla a implantación da Administración Electrónica tanto no organismo provincial como nas Entidades Locais, de equipamentos informáticos en toda a provincia, conectividade inalámbrica nas dependencias municipais, sinatura electrónica nos Concellos, realización de pagos e transacións e consultas persoais a través da rede etc. Situación na provincia de Lugo Na provincia de LUGO, o 25,9% dos Concellos que dispoñen de páxina web oficial, o dominio non pertence a eles, senón a particulares. Asimesmo, o 92,2% das webs municipais incumpren a lexislación sobre protección de datos respecto á solicitude de información de carácter persoal e só o 6,5% dispoñen de sistemas de participación cidadá: envío de consultas, queixas, suxerencias, etc.