Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisa obras en Castroverde nas que a Deputación inviste preto de 1 millón de euros

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial acomete o ancheamento e mellora de dous treitos da estrada de Sobrado-Souto de Torres

O Presidente comprométese a estudar a execución do treito desta vía que quedou sen facer pola falta de xestión do anterior equipo de goberno O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Castroverde, José María Arias, e por veciños da zona, supervisou este mércores as obras de ampliación e mellora que o organismo provincial está a realizar na estrada provincial 1201 “Sobrado-Souto de Torres”. O máximo responsable provincial destacou que “a Deputación está a investir preto de 1 millón de euros nesta vía, que é moi importante para os veciños da bisbarra”. Gómez Besteiro comprobou in situ os traballos que se están a executar entre os puntos quilométricos 4,900 e 6,200, pertencentes ó Plan de Obras Servizos, e que están presupostados en 495.000 euros. Segundo apuntou, “as obras inclúen a ampliación da vía, que pasará de 5,5 metros a 9, o afirmado e a construción dunha bóveda para salvar o río de Miranda. Ademais, farase unha variante de 200 metros para desviar o tráfico do núcleo de Miranda”. Modificación do proxecto O máximo responsable provincial tamén anunciou que, a petición dos veciños e do Alcalde, se modificou o proxecto de mellora desta mesma estrada entre os puntos quilométricos 0,000 e 2,280, sen que estes cambios supoñan ningún custe adicional sobre o presuposto inicial, que ascende a 450.000 euros. Segundo avanzou, na Xunta de Goberno do vindeiro venres aprobarase esta modificación que inclúe dous cambios: por unha banda, eliminarase a curva prevista no proxecto inicial entre os puntos quilométricos 0,185 e 0.400 e, por outra, incluirase unha variante entre o 0,900 e o 1,300 para desviar a vía do núcleo de Outeiro. Treito pendente Ademais, o Presidente comprometeuse a estudar a execución do proxecto de mellora do treito inmediatamente anterior, entre os puntos quilométros 3.330 e 4.900 que quedou sen facer pola falta de xestión do anterior equipo de goberno. Gómez Besteiro explicou ós veciños que o proxecto, correspondente ó POS 2005, “fora adxudicado sen dispoñer dos terreos necesarios, polo que era imposible realizar os traballos, e perdeuse a subvención do Ministerio de Administracións Públicas”. Malia que a actual Deputación axilizou ó máximo o proceso, non dispuxo destes terreos ata o 7 de novembro de 2008, Sen embargo, o último prazo concedido polo MAP xa rematara o 8 de xullo dese ano, polo que non foi posible facer as obras. Esto supuxo ademais perder a subvención do goberno central, que representaba o 50% do presuposto de 230.000 euros.