Deputación de Lugo

O congreso de literatura, un exemplo da proxección dos estudos de Humanidades no Campus de Lugo

Lara Méndez participou na inauguración do evento que congrega ata o día 28 a relatores de todo o mundo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este martes na inauguración do Congreso Internacional Literatura Hispánica e Prensa Periódica (1875-1931). A iniciativa é un exemplo da importante traxectoria dos estudos de Humanidades dentro das disciplinas de letras “nunha das facultades mellor valoradas dentro do Campus de Lugo”. Lara Méndez, que estivo acompañada do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, do alcalde da cidade, Xosé López Orozco, e do coordinador do Congreso e profesor da USC, Javier Serrano, destacou o potencial científico e de convocatoria da Facultade luguesa. Neste senso, sinalou que “na Deputación de Lugo sempre estamos dispostos a colaborar con iniciativas coma esta que poñen en valor a nosa cultura e, que neste caso, esta destinada a actualizar as principais liñas de estudo no eido literario, así como posibilitar o diálogo sobre os novos retos que os estudosos da literatura deben afrontar tendo en conta as posibilidades que se abren co uso das novas tecnoloxías”. O centro reunirá durante tres días a conferenciantes de universidades europeas, americanas e australianas, que cotexarán todas as correntes de investigación sobre prensa literaria, o que lle permite destacar entre as diferentes disciplinas científicas que se imparten no campus lugués. “Nesta finalidade, tamén é clave o traballo das institucións. Como Deputación a nosa misión non só é traballar para prestar apoio e servizos ós Concellos da provincia senón tamén colaborar con este tipo de iniciativas que apostan polo futuro de Lugo con profesionalidade”, apuntou a Vicepresidenta Segunda. O propósito deste congreso internacional é actualizar as principais liñas de estudo neste campo, coordinar ós grupos de investigación que están traballando nestes ámbitos, intercambiar proxectos futuros de estudo co fin de posibilitar a súa cooperación e dar a coñecer actividades e investigacións en curso desde o ámbito universitario, así como posibilitar o diálogo sobre os novos retos que os estudosos da literatura na prensa deben afrontar, fundamentalmente as posibilidades que para a devandita investigación se abren a través das novas tecnoloxías. Este congreso está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinado pola Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), o Ministerio de Cultura, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo e a Secretaría Xeral de Comunicación. Oito conferencias O encontro constará de oito conferencias impartidas por destacados especialistas en prensa literaria e cunha ampla traxectoria investigadora. O resto das sesións estarán dedicadas á exposición e ó debate das comunicacións presentadas polos congresistas participantes en sesións simultáneas, que terán os seguintes eixes temáticos centrais: a imaxe do escritor na prensa (entrevistas, autorretratos, semellanzas, iconografía, ... .); a prensa como taller literario (estudos de ecdótica); a prensa e o canon literario (recepción, polémicas, a prensa como foro de discusión literaria, ....); e Literatura e prensa galega. O mércores 26 de novembro haberá unha mesa redonda na que participarán o catedrático da USC José Manuel González Herrán, especialista en literatura realista española e director do Proxecto de Investigación “La obra de Emilia Pardo Bazán”, da USC; a profesora Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán da USC e do Anuario Valle-Inclán e responsable do proxecto de Investigación “La obra de Ramón del Valle-Inclán”, da USC; e Luis Alonso Girgado, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades e director das edicións facsímiles da prensa galega no exterior. O comité organizador do evento está formado polos profesores da área de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo Javier Serrano Alonso, Claudio Rodríguez Fer, Cristina Patiño Eirín, Amparo de Juan Bolufer, Luis Miguel Fernández e Ana Chouciño Fernández.