Deputación de Lugo

A Deputación mellora a estrada provincial de Gontán ó Valadouro

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidenta Segunda supervisou os traballos que se inclúen dentro do Plan de Mantemento da rede viaria da Deputación

As obras inclúen o asfaltado do vial e a reparación do socavón producido ó sairse da estrada o camión da orquestra que ía actuar nas patronais Méndez subliñou que “a Deputación vén con feitos e realidades. Isto é o que marca a diferenza de como se facían antes as cousas e como se fan agora” A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, supervisou este xoves os traballos de mellora que a institución provincial está a levar a cabo desde o día de onte na CP 0101 de Gontán ó Valadouro, que dá acceso a Cadramón. As obras que se están acometendo nestes momentos inclúen o asfaltado da zona da estrada que se atopa en terra. Lara Méndez subliñou que, ademais, o socavón producido ó sairse da vía o camión da orquestra que estaba previsto que actuase nas festas patronais tamén será reparado, “polo que quixemos darlle a máxima axilidade a esta obra”. Neste senso, a responsable provincial subliñou que “a Deputación vén con feitos e realidades. Proba disto é que deste vial de 16 quilómetros durante vinte e catro anos tan só se arranxaron dous. Hai tempo houbo outro derrubamento e o Presidente desprazouse ata a Mariña para coñecer de primeira man o acontecido”. Para Lara Méndez “isto é o que marca a diferenza de como se facían antes as cousas e como se fan agora. O anterior goberno limitábase a sinalizar e a poñer unha estaca con cinta tipo banderilla, mentres que agora cando hai un problema actúase dándolle unha solución. Por fin a Mariña conta para a Deputación, cousa que antes estaba esquecida”. As obras, que contemplan a construción dun muro de escolleira e a reposición da plataforma, inclúense dentro o Plan de Mantemento da Rede Viaria Provincial que divide á provincia en 13 zonas. O Valadouro pertence á 2 e a conservación dos seus 45 quilómetros de estradas provinciais supón un investimento de 125.491 euros. Ademais, este municipio recibiu 15.766 euros do Fondo co que a Deputación complementou co 4% o Plan E. Dentro do Plan de Comunidades Veciñais, a institución provincial financiou en 2008 11 proxectos que suman unha axuda total de 29.809 euros. Asimesmo, O Valadouro tamén se beneficia do Plan de Pequenas Obras de Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes. En 2009, este municipio recibiu 17.000 euros para ampliación da rúa Zaragoza e acondicionamento do aparcadoiro público.