Deputación de Lugo

O Presidente de Cantabria acepta a invitación de Gómez Besteiro para participar en Km0

Imaxe deputación de lugo
O titular do organismo provincial, xunto co alcalde da cidade, recibirá mañá a Miguel Ángel Revilla

A comitiva oficial fará un treito do Camiño e coñecerá o contorno da Reserva da Biosfera Terras do Miño O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co alcalde da cidade, José López Orozco, recibirá mañá ao titular do Goberno de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, logo de que o máximo mandatario cántabro aceptara a invitación de Gómez Besteiro para participar en Km0, iniciativa que se inclúe dentro do proxecto europeo Lug02. Gómez Besteiro, López Orozco, e Revilla encontraranse na Casa Consistorial onde o titular do Goberno de Cantabria firmará no Libro de Ouro da Cidade. Logo, a comitiva oficial camiñará ata a Deputación Provincial de onde partirán en microatobus ata a ponte do río Rato para percorrer un treito do Camiño de Santiago. Da mesma maneira, o Presidente da Deputación aproveitará a ocasión para amosar a Miguel Ángel Revilla o programa co que o organismo provincial está a demostrar que o medioambiente é unha oportunidade de negocio para a provincia. Neste senso, Gómez Besteiro explicará o grande éxito de Km0, unha iniciativa que xa suscitou o interese doutras Deputacións de España. Dentro do programa, a comitiva fará unha das rutas lucenses máis demandadas como é o contorno da Reserva da Biosfera Terras do Miño.