Deputación de Lugo

A Deputación mellora varias estradas municipais de Riotorto aforrando 80.000 euros a este Concello

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e Lara Méndez supervisan os traballos que as máquinas do Parque Móbil executan nos viais de Ferreiravella, da Pía, e Riotorto a A Cabana

O Presidente adianta que se están expropiando os terreos para comezar, logo do verán, as obras de mellora na estrada que une Riotorto e o Marco de Álvare.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, desprazáronse este xoves a Riotorto para supervisar os traballos que as máquinas do Parque Móbil do organismo provincial están a executar en varias estradas municipais da zona. A Deputación trasladou a Riotorto un equipo de rego, composto por 2 camións e 1 pisonadora, para levar a cabo os traballos de asfaltado de máis de 4 quilómetros dos viais de Ferrreiravella pola Igrexa á Granxa, da Pía, e Riotorto a A Cabana, en A Pontenova. Deste xeito, o organismo provincial acomete actuacións por valor de 80.000 euros, e aforra cartos a este municipio ó asumir os custes que suporía a contratación deste servizo. Gómez Besteiro salientou que se trata dunha iniciativa que se enmarca dentro da aposta pola cooperación máxima cos Concellos. Neste senso, lembrou que a Deputación incrementou en máis dun 20%, con respecto ó ano pasado, o orzamento adicado ó Parque Móbil para 2010, superando ós 3.200.000 euros, é dicir, uns 600.000 euros, para adquirir nova maquinaria. As máquinas do organismo provincial traballan durante todo o ano nos distintos Concellos da provincia levando a cabo actuacións de nivelación, refino, apertura e limpeza de cunetas, de escombreiras, de bordes de terrapléns, ou cortes de taudes, así como tarefas de mantemento de pistas, nas estradas de titularidade municipal. Visita oficial O titular do organismo provincial e a responsable da área de Promoción Económica e de Emprego aproveitaron a viaxe a Riotorto para manter un encontro co Alcalde deste municipio, Federico Gutiérrez, e atender as súas demandas: o arranxo do vial que une Riotorto e o Marco de Álvare, e a dinamización turística da zona. Neste senso, o Presidente anunciou que “a Deputación está xa expropiando os terreos, un proceso nos que investimos 500.000 euros, para comezar, logo do verán, as obras de mellora nesta estrada e poñer fin a deuda histórica que mantiña a Deputación con este Concello”. Pola súa banda, o rexedor popular agradeceu ó Presidente esta actuación “que viñan reclamando os veciños de Riotorto dende hai 20 anos”. Da mesma forma, acudiron a Ferreiravella onde asistiron a unha demostración do labor artesanal dos ferreiros, unha tradición moi arraigada nesta zona. Precisamente, o organismo provincial, mediante Km0.Deputación de Lugo, organiza visitas guiadas a esta localidade para dar a coñecer o traballo destes artesáns. Trátase dunha ruta que foi incluída no programa medioambiental logo das xestións da Vicepresidenta Segunda, e coa que a Deputación achegou 150 persoas a Ferreiravella logrando potenciar este sector, e o turismo da zona. A continuación, a Comitiva trasladouse a Nave dos Labregos de Riotorto, unhas instalacións onde se almacenan e distribúen produtos elaborados por unha sociedade de agricultores da provincia. O Presidente interesouse por coñecer a actividade dos membros deste colectivo a quenes lles explicou que o organismo provincial aposta por impulsar e potenciar estes alimentos mediante a campaña de promoción Lugo-Sabe. A visita rematou no colexio de Riotorto onde Gómez Besteiro adiantou que a Deputación investirá 12.000 euros para equipar o parque infantil.