Deputación de Lugo

O venres remata o prazo de matrícula para cursar estudos na Escola de Imaxe e Son de Lugo

Imaxe deputación de lugo
A EIS oferta 44 prazas para poder cursar o vindeiro ano os ciclos superiores en Realización e Produción de Audiovisuais, dotados con 2.000 horas lectivas
O 40% dos admitidos xa formalizaron a matrícula na sede do centro educativo

A Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Fundación TIC, concluirá o vindeiro venres, 23 de xullo, o prazo para formalizar a matrícula para o curso 2010-2011 e para o que se recibiu un grande número de solicitudes. A EIS ofrece os ciclos superiores de Produción e Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos académicos cada un. Nestes momentos, xa formalizaron a matrícula o 40% dos admitidos. O prazo remata este venres, polo que os interesados aínda poden formalizala na sede da Escola, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en horario de 9:00 a 14:00 horas. En total, o centro educativo oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos. Rematado o prazo, e no caso de existir vacantes, renuncias ou baixas, as prazas resultantes adxudicaranse entre os novos solicitantes por orde de entrada da solicitude. A única Escola de Imaxe e Son A Escola de Imaxe e Son de Lugo é o único centro da provincia onde se imparte formación no eido do audiovisual. O centro ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Deste xeito, dende o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos.