Deputación de Lugo

A Deputación presenta un plan extraordinario en obra pública dotado con 60 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
O Presidente, o Vicepresidente 1º e do Deputado de Cooperación cos Concellos, anuncian que se trata dun plan sen antecedentes nesta administración e destinado a manter os postos de traballo

Gómez Besteiro destaca que é unha iniciativa histórica, xa que o organismo provincial está en plena disposición dos cartos e non tivo que recurrir a créditos nin a financiamento externo Antón Bao anuncia que, ademais de infraestruturas deportivas, impulsaranse proxectos que permitirán converter en museos a casa de Manuel María e o cárcere de Sarria Gato Soengas sinala que “se non fora polo Estado e da Deputación, hoxe os Concellos non teriamos investimentos. Basta con facer unha enquisa ós Alcaldes” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e do Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, presentaron este xoves o Plan Extraordinario de Obra Pública do organismo provincial, sen antecedentes nesta administración, e dotado con 60 millóns de euros. Gómez Besteiro subliñou que “o equipo de goberno pon hoxe enriba da mesa unha macro-programación, unha inxección económica de dez mil millóns das antigas pesetas, que ten como obxectivo manter os postos de traballos para adiantar a saída da crise económica. Despois da toma de posesión da actual Corporación, hoxe é o segundo día máis importante deste equipo de goberno”. Trátase dunha iniciativa histórica, xa que a Deputación está en plena disposición dos cartos e non tivo que recurrir a créditos nin a financiamento externo. Neste senso, o titular provincial indicou que “é unha cantidade histórica, resultado dunha boa xestión económica protagonizada polo actual equipo de goberno, o mesmo que soubo aforrar para desbloquear e pagar as grandes débedas históricas desta provincia como o canon hidroeléctrico, os parques de bombeiros ou a UNED”. O Pleno do vindeiro martes aprobará os pasos contables para poder comezar canto antes as obras. “Cando presentamos o Orzamento deste ano xa lles anunciabamos que era un Presuposto anticíclico porque na Deputación apostamos por investir máis ca nunca cando fai falta”. O Plan extraordinario está dotado con 21.923.665 euros, dos que 12.273.665 invístense en viais municipais e provinciais en 19 Concellos: As Nogais, Begonte, O Corgo, Foz, Guitiriz, Láncara, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pastoriza, Pedrafita, Portomarín, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Sarria e Triacastela. Asimesmo, dentro desta partida, tamén se inclúen 9.650.0000 para convenios destinados a executar obras e mantemento de servizos municipais. A esta cantidade hai que engadir 37 millóns de euros que xa están contemplados no Orzamento de 2010, e que se destinarán a Concellos de todas as cores políticas. Destes, 31 millóns de euros investiranse en diferentes liñas de traballo como infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes ou o Plan de Obras e Servizos (POS);3.796.477 euros serán para a mellora de estradas provinciais de Becerreá, Cervantes, Barreiros, Ribadeo, Xermade, Vilalba, Sarria e Monterroso; e 3.682.760 euros no canon de Chantada e nos outros 15 municipios afectados, así como 10.136.827 euros na conservación da rede viaria provincial deste ano. O Plan tamén contempla outras actuacións singulares. É o caso do convenio a subscribir coa Xunta de Galicia para infraestruturas e equipamentos en Viveiro por valor de 1.250.000 euros; 4 millóns para o proxecto e as obras de construción do edificio de Enxeñería Civil; 500.000 para obra pública; e 900.000 euros para o convenio coa Confederación Hidrográfica na Pontenova. 5 millóns de euros para cultura e deportes O Vicepresidente Primeiro explicou que as partidas destinadas a investimentos no Orzamento de 2010 en materia de cultura e deportes ascende a preto de 5 millóns de euros. Esta cantidade destinarase á execución dun polideportivo en Monterroso e un campo artificial en Sarria. Ademais, tamén se contemplan transferencias ós Concellos de Ribadeo, Pobra de Brollón, Bóveda, Begonte e Lugo. Precisamente, no municipio da capital, Antón Bao anunciou que se construirá un módulo de atletismo cuberto. No eido cultural, impulsaranse proxectos que trascenden máis alá do eido local e provincial como será converter en museo a casa natal do poeta Manuel María. Ademais, acometeranse outros proxectos, que por riba da importancia cultural, permitirán a rehabilitación de edificios singulares en distintos Concellos. É o caso do cárcere de Sarria e de varias escolas habaneras na Mariña. “Este é outro modelo de substentabilidade económica tamén para o eido deportivo e cultural. Vai permitir que os Concellos aforren o custe das instalacións deportivas e contribuir a xerar emprego na provincia”. Neste senso, Antón Bao apuntou que “vai permitir ás asociacións culturais poder organizar cada vez máis actividades. Isto é benestar social, pero tamén é xerar riqueza e economía”. Modelo Deputación fronte á Xunta O Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato subliñou que “este Plan é de auténtica cooperación cos Concellos. Isto contrasta co enorme recorte que está a realizar nos presupostos o goberno de Feijóo, e que estamos a sofrir todos os municipios. Se non fora polo Estado e a Deputación, hoxe os Concellos non teríamos investimentos. Basta con facer unha enquisa ós Alcaldes”. A este respecto, Gato Soengas destacou que “a mellor receita contra a crise é obra pública para manter o emprego, e non como fai a Xunta de Galicia que a reduciu nun 60%”.