Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aproba 8,5 millóns de euros para o POS e o Plan de Comunidades Veciñais

O POS 2009 supoñerá máis de 6,3 millóns de euros en investimentos e o Plan de Comunidades 2,2 millóns

A Corporación aproba por unanimidade o apoio da Deputación á creación da primeira Reserva Mariña da provincia de Lugo O Pleno da Corporación provincial aprobou este mércores o Plan de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal e de Estradas para o ano 2009 (POS) que conta cun investimento 6.326.168,96 euros. Desta cantidade, a Deputación aporta 2.056.004 euros, o Ministerio de Administracións Públicas 3.163.084 euros e os Concellos 1.107.079,74 euros. Tamén se aprobou o Plan Complementario que se financiará coa aplicación dos remanentes. Aplícanse os mesmos criterios que se empregaron por primeira vez en 2008, nos que se contempla a carga fiscal dos Concellos, e se ten en conta a dispersión poboacional dos municipios. Todos os Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros, e para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación, e o 15% restante corresponde á carga fiscal. No caso das Obras e Servizos de Competencia Municipal, que representa o 70% do total do Plan, o MAP aporta o 50% (2.214.159,48 euros); a Deputación o 25% (1.107.079,74 euros) e os Concellos o outro 25% (1.107.079,48 euros). O POS 2009 inclúe 74 obras presentadas por todos os Concellos da provincia. A maior parte son de arranxo de vías locais, aínda que tamén se financiarán obras de abastecemento de auga, de saneamento, alumeado público etc. Polo que se refiere a estradas provinciais, que representa o 30% dos fondos, o MAP aporta o 50% (948.925 euros) e a Deputación a outra metade (948.925 euros). Acometeranse 5 obras de mellora en vías provinciais de Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Ourol e Pol- Ribeira de Piquín-A Fonsagrada. Apoio unánime á Reserva Mariña A Deputación apoirá a declaración da Reserva Mariña de Interés Pesqueiro da provincial de Lugo, entre as rías de Viveiro e O Barqueiro. A Corporación aprobou por unanimidade unha moción do PSOE, a iniciativa do Presidente, José Ramón Gómez Beaterio, na que se solicitaba o apoio da institución provincial á creación desta Reserva Mariña. Deste xeito, a Deputación súmase á iniciativa que partiu da Confraría de Pescadores de Celeiro, organización que está a traballar conxuntamente coa Consellería de Pesca, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, e a Confraría do Vicedo para a obtención desta distinción. Trátase da primera Reserva da costa de Lugo e a única de augas interiores e exteriores de Galicia. A proposta socialista inclúe apoio socio-económico por parte do organismo provincial para poder levar a cabo accións conxuntas que se irán desenvolvendo a medida que avance este proxecto da franxa costeira luguesa. O Estado e a Xunta compartirán a xestión desta Reserva Mariña, coa que se persegue un desenvolvemento sostible, a mellora da calidade de vida nas zonas onde existen actividades relacionadas coa pesca, a recuperación de especies e a promoción de actividades como o ecoturismo. Plan Comunidades Veciñais A Corporación tamén aprobou, coa abstención de PP e BNG, as bases para a concesión de subvencións a entidades asociativas, agrupacións e asociacións de veciños para a realización de obras e establecemento e melora de servizos de interese veciñal para o ano 2009, así como o orzamento correspondente que ascende a 2,2 millóns de euros. Esta iniciativa ten como finalidade artellar axudas para a realización de obras de acondicionamento no medio urbano e rural, tales como a execución de pequenos abastecementos de agua potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, alumeados públicos, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de televisión, arranxo e acondicionamento de capelas, fontes, hórreos, muíños, locais sociais etc. As subvencións convócanse en réxime de concurrencia competitiva. A contía de cada axuda non poderá superar os 12.000 euros nin exceder do 75% do importe da actividade subvencionable.