Deputación de Lugo

A Deputación contrata 7 obras en vías provinciais por valor de 4 millóns de euros

O organismo provincial acondicionará 48 quilómetros de estradas nos Concellos de Sarria, Becerreá, Castro de Rei, Ribas de Sil, Lugo e Monforte de Lemos

Gato Soengas subraiou que “son investimentos comprometidos no que vai de ano polo Presidente, que eran necesarios porque afectan a vías que estaban en pésimas condicións” Aprobaronse 28 contas xustificativas dentro do Plan de Comunidades Veciñais 2007 e 2006 para as que a institución provincial achega 43.106 euros A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a contratación de 7 obras en vías provinciais que suman un presuposto de 4.106.210 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subraiou que “se trata de investimentos comprometidos no que vai de ano polo Presidente, que eran necesarios porque afectan a vías provinciais que estaban en pésimas condicións”. En total, acomentaranse obras de mellora e acondicionamento en 48,056 quilómetros de estradas da Deputación nos Concellos de Sarria, Becerreá, Castro de Rei, Ribas do Sil, Lugo e Monforte de Lemos. Son as seguintes: mellora e renovación do firme de dous treitos de vías en Sarria: un de 5,015 quilómetros da CP 5706 “da LU-636 por Seteventos a Monseiro”, e outro de 1,750 quilómetros da CP 5707 “de Aguiada a Luseiro”; acondicionamento de 10,240 quilómetros da CP 1102 “De Coto por Ansemar a Castro Riberas de Lea e accesos ó castro de Viladonga”; renovación de afirmado de 10 quilómetros da CP 0708 “De Cereixal a Louxas”, no Concello de Becerreá; mellora e renovación do asfalto dun treito de 12,280 quilómetros da CP 5302 “de San Clodio a Casares” no Concello de Ribas do Sil; acondicionamento de 5,870 quilómetros da CP 2906 “De Arrierías por Cuíña a Vilalvite”, no Concello de Lugo; mellora de 2,150 quilómetros da CP 1706 “De Feira do Monte a Castro”, no Concello de Castro de Rei; e ensanche e mellora de algo máis de 1 quilómetro da CP 3207 “Seoane Tor” no entronque coa LU-617, no Concello de Monforte. O voceiro provincial socialista tamén engadiu que se modificará o proxecto de mellora e ancheamento da estrada CP-2901 “Burgo-Palas de Rei” entre os puntos quilométricos 3,300 e 5,400. Trátase da variante do Burgo, no Concello de Lugo, que afectaba ó Camiño Primivito e que está incluído no POL 2006. En xuño dese ano aprobouse un trazado, que non foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Histórico porque pasaba a 40 metros da Capela de San Bartolomeo. Fíxose un primeiro modificado, púxose a exposición pública e foi aceptada parcialmente a alegación dun dos propietarios dunha explotación gandeira, porque o enlace da nova variante deseñada afectábaos. Atendendo esta situación, apróbase un segundo modificado. Comunidades Veciñais O goberno provincial aprobou a modificación do prazo para a execución e xustificación das obras do Plan de Comunidades Veciñais de 2008 ata o 15 de xuño e o de xustificación o 30 dese mesmo mes. Gato Soengas explicou que nas bases establecíase como prazo máximo para a execución das obras o 31 de marzo, pero tendo en conta os problemas para traballar coas condicións meteorolóxicas que houbo este inverno, acordouse prorrogar o prazo para a execución das obras”. Asimesmo, deuse o visto e prace a 28 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2007, agás unha que corresponde ó ano 2006 nos Concellos de Castroverde, Cervo, Chantada, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Láncara, O Incio, Outeiro de Rei, Paradela, Pobra de Brollón, Ribadeo, Riotorto, Sarria, Sober, Taboada, O Valadouro e Viveiro. En total suman 234.172 euros, dos que a Deputación subvenciona 143.106 euros. Outros acordos A xunta de Goberno tamén aprobou dous convenios, un entre o Centro de Intepretación Avifauna e a Deputación para impartir cursos de educación ambiental e, o segundo, que inclúe unha subvención para a construción dun muro de contención de formigón no termo municipal de Palas de Rei que linda co campo da festa da parroquia de San Xusto da Repostería, e ó norte cun camiño de paso habitual de persoas e animais. Para o primeiro caso a Deputación achegará 30.000 euros, mentres que o importe da subvención do segundo é de 32.580 euros. Ademais, desestímase o recurso presentado por un particular contra o acordo da Deputación sobre a resolución da concesión de subvencións a entidades asociativas e agrupacións para obras e melloras de interese veciñal do ano 2008. Gato Soengas explicou tamén que o organismo provincial persoarase nun novo recurso por unha reclamación de responsabilidade patrimonial por atropelo dun corzo. O accidente tivo lugar o 28 de setembro de 2007, na estrada provincial de Lugo a Parga, no punto quilométrico 12,1. A cantidade que se reclama á Deputación, en condición de indemnización, é de 1.065 euros.