A FUNDACIÓN BALOGAL PRESENTOU HOXE O PROGRAMA O NADAL DO BREOGÁN
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3919_1.jpg)
Raúl López e Cristino Menos acompañaron ao Vicepresidente da Deputación na presentación das actividades O Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mesma mañá xunto ao director deportivo e o presidente do patronato da Fundación Balogal, Cristino Menor e Raúl López respectivamente, o programa O Nadal do Breogán nas instalacións da aula de predeporte do Pazo de Universitario. Este proxecto xorde como resultado da colaboración entre a Área de Cultura e Deporte da Deputación e a Fundación Balogal de Lugo. Antón Bao sinalou a importancia de que os clubs e as entidades deportivas dediquen unha parte da súa estrutura a fomentar o deporte de base e a organizar actividades paralelas destinadas á formación de rapaces e rapazas neste eido con esta afirmación, Bao fixo referencia ao compromiso da Área de Deportes cos clubs que pulan pola participación dos máis novos en actividades. O obxectivo principal destas actividades será o de tentar enganchar aos máis novos ao baloncesto. A maiores, todos os rapaces de entre 3 e 10 anos poderán participar en talleres de manualidades, practicar xogos alternativos ou pouco habituais no seu día a día e coñecer mellor o seu propio corpo a través da psicomotricidade. Os participantes acudirán ás inmediacións do Pazo de Deportes en dúas quendas sendo a primeira delas dende o 22 ao 26 de decembro e a segunda dende 29 ao 31 de decembro e o día 2 de xaneiro de 2009. Os horarios, de 09,00 a 14,00 horas, manterase en ambas quendas. Con todo, aquelas persoas que estean interesadas en participar ou tomar parte nas actividades programadas dentro de O Nadal de Breogán poderán asistir o vindeiro día 26 de decembro á representación da obra teatral O Nadal en Rusia nas inmediacións do Pazo ou á visita guiada polo Museo Provincial de Lugo que terá lugar o día 2 de xaneiro de 2009. Todas as actividades que se integran neste proxecto están pensadas para conciliar a vida laboral e familiar dos lucenses durante as vacacións de Nadal. A maiores, e como proposta da Fundación Balogal e Estudantes de Lugo, é un xeito máis de achegar este deporte aos máis novos.