Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras de acondicionamento da estrada provincial que une Parga e Friol

Gómez Besteiro supervisou a obra, incluída no POS 2008 Complementario, e que conta cun orzamento de 450.000 euros.

O organismo provincial adxudicou un total de 5 proxectos por un valor de 2,2 millóns de euros a través do Plan de Obras e Servizos de 2008. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes o inicio dos traballos de acondicionamento da CP-2101, que vai de Friol a Parga, e que está incluído no Plan de Obras e Servizos 2008 Complementario. As obras comezaron hoxe e contan cun presuposto de 450.000 euros. Comprenden un treito de preto de 5 quilómetros, desde o punto quilométrico 14 ó 18,940. Gómez Besteiro, que estivo acompañado da Deputada de Economía e Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e de técnicos provinciais, destacou que “o prometido é débeda. Comprometámonos a meter esta obra no Plan de Obras e Servizos Complementario. 5 quilómetros que servirán para rematar a conexión entre dous Concellos importantes desta provincia. Vai quedar mellorada esta estrada e, especialmente, a parte urbana dunha zona emblemática do Concello de Guitiriz como é a localidade de Parga”. Os traballos foron adxudicados á empresa Hermanos Pico Yáñez S.L. Inclúen a aplicación de aglomerado en quente, para maior durabilidade, e a correspondente sinalización vertical e horizontal co obxectivo de garantir a seguridade dos viandantes. O máximo mandatario provincial quixo darlle a máxima urxencia a esta obra, que responde a unha petición realizada pola rexedora guitiricense hai tan só algúns días, e que demostra a celeridade coa que está a actuar a Deputación. “Era unha vella reivindicación da Alcaldesa e agora os veciños van ter unha obra que vai a durar moito tempo porque leva aglomerado en quente con 7 centímetros de capa de rodadura. Isto vai a supoñer que nos próximos 10 anos non vamos ter que tocala. Esta zona quedará coma as que teñen as mellores cidades de España”. A Alcaldesa de Guitiriz agradeceu a disposición do Presidente da Deputación para axilizar os traballos, “xa que é unha vella reivindicación dos veciños de Parga e é unha necesidade”. 2,2 millóns no POS 2008 Con esta obra a Deputación xa adxudicou definitivamente 5 obras correspondentes ó POS 2008, incluído o Complementario, por un valor de 2.192.993 euros. Trátase dos traballos de acondicionamento dos accesos en Chao de Bravos, Piñeiro, Cargadoiro, Igrexa de Xerdiz e Igrexa de Miñotos, todos eles no Concello de Ourol, adxudicados por 78.449 euros; dun treito de 9 quilómetros da estrada provincial de Cereixal a Louxas, nos Concellos de Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada, por 747.645 euros; de 5,8 quilómetros da estrada provincial da Pobra de San Xillao ó Páramo, por 418.700 euros; e de 3,2 quilómetros da estrada Feira do Monte a Castro, nos Concellos de Cospeito e Castro de Rei, por 498.200 euros.