Deputación de Lugo

Alumnos da TIC insertaranse no mercado laboral coa realización de proxectos con finalidade social

Na actualidade a inserción laboral dos alumnos que rematan os seus estudos na Escola de Imaxe e Son de Lugo supera o 70%.

A Deputación inviste máis de 1 millón de euros na mellora dos medios técnicos e instalacións do Centro de Produción de Programas O Presidente da Deputación e Presidente da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, asinou este venres un convenio de colaboración cos Presidentes das Fundacións Preescolar na Casa, ANADE, e ASPNAIS, Alejandro Fernández, Ángeles Mayra e Conchita Teijeiro, e o Secretario da Fundación Azkar, Manuel Vázquez, para a realización de prácticas formativas dos titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo nestas entidades. Ademais de formarse a través da súa primeira práctica no mundo laboral, os alumnos levarán a cabo proxectos audiovisuais con fins sociais dentro de áreas como a integración social, o deporte, o teatro, a danza, etc. Gómez Besteiro destacou que “queremos que este centro sexa útil para os veciños de Lugo. Hoxe asinamos un convenio con 4 fundacións luguesas cunha dobre finalidade: becar ós alumnos da Fundación, contribuíndo á súa inserción laboral, e que a TIC sexa útil á sociedade, ofrecéndolle servizos audiovisuais e novas tecnoloxías”. Á marxe dos 4 convenios asinados hoxe, os estudantes da TIC poden realizar prácticas en 40 prestixiosas empresas do sector audivisual galego e mesmo nacional. A día de hoxe, a inserción laboral dos alumnos que rematan os seus estudos nesta Escola supera o 70%. “Por este motivo, resulta moi gratificante atopar na nosa actividade diaria e en distintas empresas de comunicación a técnicos formados na nosa escola e na nosa provincia”. Gómez Besteiro explicou que a Fundación TIC ten dous retos para este ano. “Como a vacina para saír desta etapa económica é a innovación, esta Fundación está afrontando unha profunda renovación tecnolóxica. Estamos investindo máis de 1 millón de euros na mellora dos medios técnicos e instalacións desta produtora, o que redundará nunha mellor formación dos nosos técnicos”. O segundo reto, explicou o responsable provincial, “é facer da chegada da TDT un nicho de emprego e unha nova oportunidade económica que non estamos dispostos a perder. Isto implica que serán necesarios técnicos coa mellor cualificación profesional, formados no manexo das novas tecnoloxías dixitais, e precisaranse novos contidos nos que a interactividade fará converxer todos os produtos audiovisuais”. Pola súa banda, a Presidenta de APSNAIS agradeceu a colaboración do Presidente da Deputación, xa que “este convenio permitirá una mayor exposición de las actividades que hacemos y, con nosotros, los alumnos de la TIC podrán hacer muchas cosas”. Asimesmo, a Presidenta de ANADE indicou que “ademais da experiencia prelaboral, os alumnos van participar nun proxecto que inclúe entrevistas con distintos persoeiros populares. Hai que pensar que a nosa Fundación vén de recibir o primeiro premio BBVA de Produción Artística”. Alejandro Fernández dixo que “con este convenio profundizarase no labor que estamos a facer cos pais e nais de Galicia. Se os axudamos a facelo ben, isto vai ser bo para todos”. Finalmente, o secretario da Fundación Azkar destacou que “a TIC é punteira no sector audiovisual e está a desenvolver un gran labor formativo, polo que con este acordo estamos xerando valor para a provincia”.