Deputación de Lugo

O CENTRAD imparte a técnica de cestería tradicional galega de vimbio semellante á de Irlanda

Imaxe deputación de lugo
No obradoiro os participantes elaboran o cesto típico das zonas costeiras e doutras rexións do interior coma Ourense

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación ofrece esta semana un novo curso baseado na cestería tradicional galega de vimbio. Trátase dunha modalidade que comparte varias semellanzas coa cestería típica de Irlanda. Este curso xa é unha constante na programación do CENTRAD debido á alta demanda que ten ano tras ano. Neste senso, desde onte os participantes aprenden a elaborar o cesto que se empregaba no litoral coruñés e pontevedrés e que recibe o nome de cabazo, así como o típico de rexións do interior coma Ourense, denominado canistrelo. O artesán Carlos Fontales é o encargado de impartir este obradoiro que dispón de 20 horas de formación e se desenvolve de 16:00 a 20:00 horas ata o venres, 19 de xuño, no Centro de Cestería do río Rato. O curso inclúese dentro da programación de primavera do CENTRAD ó igual que o obradoiro que se desenvolve a fin de semana. Neste caso, está destinado a nenos maiores de 10 anos, os cales elaborarán cabanas de vimbio. A actividade permite a socialización dos rapaces, favorecendo a relación interpersonal entre os mesmos. O horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas.