Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo continúa na provincia da Coruña coa divulgación da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanecerá en Oleiros ata o 13 de abril

O Deputado delegado da Área de Medio Ambiente, Ricardo Parada, inagurará o mércores, día 4, no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia de Oleiros (A Coruña) a exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra- Támoga. O Programa LIFE-Natureza”. A mostra, que permanecerá no centro coruñés ata o vindeiro día 13 de abril, amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. A exposición, que consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual, é un resumo da labor realizada polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. Foi inaugurada no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo co gallo da celebración do seminaro “A Rede Natura 2000 a debate”, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia no Concello fonsagradino e na Casa da Culura de Vegado (Asturias) co motivo da celebración das Xornadas sobre a recentemente declarada Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos, Terras de Burón”. A mostra consta de paneis de interpretación, aparellos de pesca, batuxo e dunha proxección audiovisual, así como dunha visita guiada coa que se dará a coñecer os valores etnográficos e ambientais da Biosfera. Unha vez rematada a estancia na Escola Habanera de Guitiriz a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”. CEIDA O CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións ós problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido. É froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, o Concello de Oleiros e a Universidade da Coruña para coordinar, dinamizar e promover a Educación Ambiental en Galicia. O CEIDA desenvolve programas anuais de educación ambiental, dirixidos á comunidade educativa e a todo tipo de colectivos. Complementa a súa oferta divulgativa coa produción de exposicións monográficas itinerantes, conferencias e a elaboración de publicacións de carácter científico ou técnico. Asimesmo o centro acolle ó longo do ano diversas exposicións nas salas destinadas para esa fin. Actúa tamén como punto de encontro e de cooperación entre as diferentes administracións, colectivos e axentes que traballan pola sustentabilidade dende cadansúas competencias e enfoques, aplicando a participación como un proceso e praxe necesaria para a procura de solucións ós problemas ambientais. O centro coruñés promove a formación e capacitación ambiental, tentando respostar ás necesidades de profesionais e xestores así como a demanda de coñecemento da cidadanía cada vez mais preocupada pola protección do noso medio. Organiza cursos, congresos e seminarios de formación inicial centrados principalmente en conservación e educación ambiental.