Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa na estrea de dúas curtametraxes dos alumnos da Escola de Imaxen en Son de Lugo

O responsable provincial dixo que “estamos formado a promocións que entenden a potencialidade do audiovisual e das novas tecnoloxías da información”

Alumnos, profesores e os equipos de rodaxe de “Zinfonía” e “Campelo, expediente 1338” asistiron a este acto no Círculo das Artes O Presidente da Deputación e da Fundación TIC de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves na estrea das curtametraxes desenvolvidas durante o curso 2008/2009 polos alumnos da Escola de Imaxe e Son, que depende da institución provincial. O acto, que tivo lugar no Círculo das Artes, contou coa participación dos equipos de rodaxe, alumnos e docentes da escola. Agardábase a presencia dunhas 200 persoas. Gómez Besteiro dixo que “estamos formando a promocións que entenden a potencialidade do audiovisual e das novas tecnoloxías da información e da comunicación e poñendo os recursos e os apoios necesarios para que se xeren e emprendan proxectos e para atraer rodaxes”. As dúas curtametraxes estreadas hoxe, “Campelo, expediente 1338” e “Zinfonía”, son o resultado do traballo conxunto de alumnos e profesores do módulo de Proxecto Integrado de 2º curso do CS de Realización de audiovisuais e espectáculos e do CS de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos. “Este é un exemplo de como os proxectos ambiciosos se poden abordar cando se aúnan vontades e se aportan coñecementos, experiencia e imaxinación”, apuntou o Presidente. Para o máximo responsable da Fundación TIC, “a curtametraxe considerábase tradicionalmente un formato iniciático; era unha escola de aprendizaxe para técnicos, actores, directores, guionistas,… pero nos últimos anos adquire valor en sí mesmo como ferramenta para contar historias cunha linguaxe e unhas técnicas expresivas propias.” Lembrou que a Deputación de Lugo, a través da Fundación TIC, “apoia iniciativas que teñen a provincia como escenarios de rodaxe. Fai uns meses foron “Os mortos van ás presas” en Ribadeo e dentro dunhas semanas será unha produtora francesa coa longametraxe “Suerte”. Con respecto a “Zinfonía” e “Campelo, expediente 1338”, os curtos estrados este xoves dixo que “nos obrigarán a reflexionar sobre o valor do talento, da creación, do esforzo, da iniciativa, do traballo en equipo, da función docente e de Lugo como espacio para crear, para vivir e contar historias”. As dúas historias están gravadas en localización da cidade: a Praza de Santa María, Montirón, a Residencia Miño e o Círculo das Artes de Lugo. Con esta presentación rematan as actividades lectivas dos alumnos dunha nova promoción, a quinta da Escola de Imaxe e Son de Lugo, que durante o próximo trimestre iniciarán as actividades do módulo de Formación en Centros de Traballo completando, deste xeito, a súa formación académica coa realización de prácticas en diferentes empresas do sector audiovisual de toda Galicia.