Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación abre a finca de TOR á innovación empresarial

Imaxe deputación de lugo
Presentadas diante a Fiscalía diversas denuncias polas irregularidades detectadas na xestión do anterior Padroado

O Corte Inglés remitiu facturas, a maioría en clase business, a nome da Fundación TOR nas que viaxaban ó estranxeiro a esposa e fillo do anterior xerente, a maioría en clase business O Informe Pericial encargado revela que os danos e prexuízos de carácter forestal nas fincas de TOR superan o millón de euros e que zonas esquilmadas necesitarán 32 anos para recuperarse Os actuais xestores enfróntanse a unha multa da Xunta por caza ilegal no Centro Cinexético derivada dos anteriores patronos O anterior Padroado intentou facer seus os terreos de patrimonio público, cambiando a titularidade no Rexistro da Propiedade O Presidente da Deputación e Presidente da Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que abrirá a finca de TOR á innovación empresarial coa finalidade de pechar ciclos de produción que xeneren valor engadido na provincia de Lugo. Este novo uso marca a entrada en vigor do novo Plan de Viabilidade da Fundación TOR que foi aprobado este martes polo Padroado na reunión mantida nas instalacións do Pazo. Gómez Besteiro explicou que “xa iniciou contactos para que a finca acolla cultivos experimentais que beneficien ás empresas e á Universidade co obxectivo de abrir TOR ó I+D+I”. Para afondar na utilidade e rendibilidade da finca, TOR será aproveitado para completar as necesidades do sector agrogandeiro da provincia. O máximo responsable provincial dixo “que sexamos capaces de ter unha contrapartida co que se fai fóra, ó igual que estamos a facer coa Granxa Gayoso-Castro na que se construirá o Centro de Recría. Queremos que sexa un lugar onde teña cabida a investigación e o desenvolvemento, de xeito que sexa aproveitado polas empresas en clave agrogandeira. O titular provincial subliñou que con este plan demostramos quie hai vida despois de Tor. Toca mirar para adiante. Desde a Deputacion temos vontade decidida de facer as cousas ben”. Partindo da base de que a finca de Tor non é unha finca privada, senón que é patrimonio de todos, o actual Padroado quere preservar e salvagardar estas 200 hectáreas, que inicialmente cedeu a Deputación á Fundación. Dentro do uso forestal reforestarase de forma natural a parte do monte que é máis pobre e rexenarase progresivamente o resto. Segundo un informe pericial do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, os danos e prexuízos ocasionados pola tala masiva que se levou a cabo na finca suman 1.058.000 euros. Deste xeito, a zona do pinar que foi esquilmada polo anterior Padroado en 7 meses, custaríalle reforestala á Deputación 14 anos, e a zona do bosque, outros 32. O informe tamén revela que fronte ás mínimas cuantías ingresadas polo aproveitamento da madeira, a devastación tivo un custe de 466.000 euros. Asimesmo, daráselle un uso cinexético, abrindo a posiblidade á Federación Galega de Caza e á Asocicación Lucense de Caza para levar actuacións conxuntas neste edio. Ademais, faranse funcionais as lagoas, dándolles un uso social, piscícola e de autoabastecemento de rego. Fiscalía O Padroado presentou diante a Fiscalía denuncias por diversas irregularidades detectadas na xestión dos anteriores patronos. As denuncias son por: desaparición do vehículo e documentos esenciais no arquivo da Fundación (libros de actas, libros de contas…) que dificultan enormemente o coñecemento da realidade economica e xurídica da Fundación; tala masiva practicada que non se corresponde cos ingresos que figuran na documentación que teñen os actuais xestores; a existencia de disposicións de fondos con partidas sin xustificar ou dificilmente xustificable; e usurpación das funcións de Secretaría e de Presidencia por persoas que non as exercen por ter sido cesadas. Trátase de denuncias ante a Fiscalía sen prexuízo de que vaian existir outras a medida que se vaian comprobando novos feitos. Actuacións realizadas desde a última reunión Na xuntanza, na que tamén participaron o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, o Secretario Xeral, Faustino Martínez, os Deputados de Urbanismo e Medio Ambiente, Miguel Ángel Sotuela e Ricardo Parada, ademais do Xefe Territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural, Ramón Carballo Páez –que tomou posesión na reunión de hoxe-, tamén se deu conta das actuacións realizadas desde a última reunión do Padroado, celebrada hai pouco máis de dous meses que foi cando Besteiro presidiu o primeiro Padroado. a) Polo que se refire ó pago de débedas: Procedeuse ó pagamento das nóminas dos traballadores e á regularización das cotas patronais; regularizouse con carácter urxente a situación de endebedamento que existía con diferentes provedores herdada do anterior Padroado e que se remontaba ó ano 2007 e foron aboadas facturas da actividade diaria como limpeza de edificios, subministro eléctrico, produtos de xardiñeiría e pensos por un total de 50.468 €; estanse a tramitar pagos por importe de 82.341,28. A estas cifras habería que engadir 40.000 euros que foron requeridas por diversas empresas que aínda non están suficientemente acreditadas. b) Análise de documentación: Despois das facturas atopadas inicialmente do Corte inglés relativas a unha viaxe realizada a África por tres anteriores patronos e por un valor de 20.110€, solicitouse á empresa que remita información sobre as mesmas. O Corte Inglés aportou facturas de viaxes en categoría business realizadas á Copenhague, Bolonia e Malabo (Guinea Ecuatorial) e nas que a esposa e fillo do anterior xerente aparecen entre os viaxeiros, ademais doutra persoa allea ó Padroado. As últimas facturas son de finais de abril deste mismo ano. Asimesmo, no libro diario do exercicio 2008 presentado ante o Rexistro Mercantil de Lugo por unha das asesorías contratadas polo anterior Padroado revela que existe unha Débeda con Visa do anterior xerente cun custe mensual de 1.745 €. Neste mesmo libro figuran pagamentos a través da tarxeta Visa Via T de telepeaxe por un total de 2.418,74. Esta tarxeta estaba asignada para o uso exclusivo do anterior xerente. Por outra banda, Paradores de España SA reclama o pago de dúas facturas de 2008 por importe de 549 €, a pesar de que aparecen como pagadas por caixa. Nalgunhas o custe de adega-bar supera ó do aloxamento. Entre outros asuntos ós que está facendo fronte este padroado destaca a reclamación de pago da Consellería de Medio Rural por unha multa de caza ilegal na finca, que ascende a 900 euros. A isto hai que engadirlle a reclamación da DXT por multas de tráfico por valor de 620 euros e que a propia Axencia Tributaria comunica o fraccionamento no pago dunha débeda por importe de 2.492 €, consecuencia de que a Fundación tivo unha actividade económica diferente á actividade fundacional. c) Actuacións na finca: Desde o mes de maio e ata este momento realizáronse as seguintes actuacións: limpeza e acondicionamento do edificio principal e das edificacións anexas ó Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia; acondicionamento das pistas de acceso ó Centro e ó Monte de Tor; adquisición de penso para os animais en cautividade; e alimentación e asistencia sanitaria ós xabaríns. Prioridades do Presidente Un dos asuntos máxima prioridade para o Presidente é manter o patrimonio público. Segundo o Regulamento de Bens, a Deputación abre unha investigación sobre os datos inscritos no Rexistro de Propiedade a nome da Función. Na reunión de hoxe ordeouse realizar todas as actuacións necesarias para que os bens cedidos pola Deputación, unhas 200 hectáreas, se axusten ás obligacións marcadas nos Estatutos. Para o Presidente tamén é de especial interese que o anterior Padroado intentou facer seus os terreos de patrimonio público a cambio da titularidade no Rexistro da Propiedade. Neste senso, Gómez Besteiro anunciou que “se vai facer todo o posible por manter o patrimonio público, xa que TOR é de tododos”. Despois de que o Xulgado avalase a actuación do actual Padroado e denegase a solicitude de suspensión interposta pola Xunta de Galicia, hoxe tomou posesión o Xefe Territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural, Ramón Carballo Páez.