Deputación de Lugo

A Deputación colaborará coa empresa Alibós na promoción da castaña autóctona, dentro de Lug02

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destacou que “o obxectivo é mellorar a comercialización deste produto e obter valor engadido na súa produción”

A través das distintas Áreas de goberno, a Deputación inviste no Concello de Monterroso preto de 3 millóns de euros O Presidente da Deputación supervisou dúas das vinte vías municipais que foron melloradas coas máquinas do Parque Móbil, en colaboración co Concello O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores ata o Concello de Monterroso, onde visitou a empresa de ultraconxelados de castañas e doutros produtos vexetais Alibós, co obxectivo de levar a cabo actuacións conxuntas destinadas ó aproveitamento da castaña autóctona e á recuperación do medio natural, seguindo o modelo doutras rexións como Portugal, onde implantación do castiñeiro está a xerar un importante volume de negocio. O acordo enmarcarase dentro do programa europeo Lug02 e consistirá en establecer unha marca de garantía da castaña ecolóxica desta zona da provincia. Gómez Besteiro lembrou que a empresa Alibós tamén se inclúe nas rutas de Km0 e destacou que “o obxectivo é mellorar a comercialización deste produto autóctono e obter valor engadido na súa produción. O 70% da castaña que empregan tráena de Portugal porque aquí non existe produción suficiente. Por tanto, o que pretendemos é aumentar a produción autóctona, ó tempo que contribuiremos a que os postos de traballo que xenera a empresa deixen de ser estacionais”. Acompañado do Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, e do xerente da empresa, Jesús Quintá, Gómez Besteiro percorreu as instalacións da empresa e coñeceu de primeira man o traballo que desenvolven. Asimesmo, tivo oportunidade de degustar as distintas formas de presentación da castaña e derivados da mesma como marmeladas ou xelados. Alibós exporta a súa produción a Europa e a Xapón e conta cun dos túneles máis importantes de conxelados a nivel europeo. En 2008 facturou máis de 6 millóns de euros. Durante a recollida e produción da castaña, Alibós dá traballo a máis de 100 persoas, converténdose nun dos maiores produtores mundiais de castaña pelada e conxelada. Dende fai máis dunha década esta empresa conta coa certificación de Elaboradores de Produto Ecolóxico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, ademais doutras distincións como o Premio á Mellor Industria Ecolóxica de Galicia. Iniciou a súa actividade en 1968 e desde entón traballan no aproveitamento da castaña e de produtos silvestres da comarca da Ulloa, como os cogumelos, frambuesas ou fresas de bosque. Preto de 3 millóns de euros en Monterroso Previamente, Gómez Besteiro foi recibido polo Alcalde monterrosino e polos membros da Corporación municipal. En total, a Deputación está a investir neste Concello preto de 3 millóns de euros. Neste senso, o titular provincial e o Alcalde subliñaron a implicación das distintas Áreas da Deputación na execución de distintos investimentos neste municipio. Como exemplo, destacaron a aportación da Área de Cultura e Deportes que dirixe o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, para a construción do complexo deportivo de Monterroso, ó que se destinan 1.320.000 euros. Dentro da Área de Infraestruturas, que depende dos Deputados Manuel Martínez e Juan José Díaz Valiño, a Deputación acondicionará os accesos da estrada provincial CP 3304 do río Ulla, un treito de preto de 1 quilómetro e no que se botará aglomerado en quente para garantir a durabilidade da obra. Este tramo, no que a Deputación investirá 700.000 euros, enlaza coa Área Recreativa da Peneda. Gómez Besteiro tamén supervisou dúas das vinte vías municipais que foron melloradas coas máquinas do Parque Móbil da Deputación, en colaboración co Concello. A primeira delas, dá acceso ó parque de Carapacho e, a segunda, ó novo Colexio de Infantil e Primaria de Monterroso. O Presidente destacou que “este é un exemplo de cooperación cos concellos. Poñemos a disposición dos municipios da provincia as nosas máquinas para o arranxo, mantemento e limpeza das vías municipais”. O actual equipo de goberno aumentou o presuposto do Parque Móbil en 1.275.378 euros, o que representa un incremento de máis do 90%. En 2007 o orzamento era 1.348.538 euros e en 2009 ascende a 2.623.916 euros. Na actualidade, o Parque Móbil provincial conta con 125 vehículos. Outros investimentos neste municipio A institución provincial está a levar a cabo outros investimentos en Monterroso. A través do Fondo Extraordinario complementario do Plan E, Monterroso recibiu 29.174 euros. Dentro do Plan de mantemento da rede viaria da Deputación, Monterroso atópase na zona 13 xunto cos Concellos de Antas de Ulla, Taboada, Chantada e Carballedo. O mantemento dos 32,221 quilómetros de titularidade provincial deste municipio ascende a 78.736 euros. Monterroso tamén acomete a xestión da roza destes viais, o que supón un custe para a Deputación de 5.693 euros. A través do Plan de Comunidades Veciñais de 2008, Monterroso recibiu 35.128 euros. Dentro do Plan de Pequenas Obras para Concellos de menos de 5.000 habitantes de 2009 a este municipio, que ten 4.121 habitantes, correspondéronlle 17.000 euros.