Deputación de Lugo

Gómez Besteiro cumpre coa súa palabra e entrega o proxecto de acceso ás Catedrais ao Alcalde de Ribadeo

Imaxe deputación de lugo
Na visita realizada á localidade mariñana en novembro, o Presidente da Deputación comprometérase a ter rematado o documento antes do Nadal

- A Xunta de Goberno aprobou o proxecto que contempla o acondicionamento de 2,4 quilómetros da CP 0610, e que ten un investimento de 500.000 euros - O documento inclúe como novidades o ensanche en 6 metros do vial, e a construcción dunha rotonda e unha depuradora de augas residuais - O titular provincial destaca que cumprimos coa palabra dada a todos os veciños de Ribadeo. A Deputación acomete unhas obras de mellora que son necesarias e que permtirán ter un acceso á praia das Catedrais en perfectas condicións O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregáronlle este venres ao Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, o proxecto de acondicionamento da estrada provincial 0610 de Altar-Reinante-Os Castros, e que dá acceso á praia das Catedrais. As obras de mellora, que son executadas con fondos propios do organismo provincial, teñen un orzamento que 500.000 euros. Gómez Besteiro destacou que cumprimos coa palabra dada no mes de novembro a todos os veciños de Ribadeo cando anunciamos que antes do Nadal lle entregaríamos o proxecto ao seu Alcalde. A Deputación acomete unhas obras de mellora que son necesarias e que permitirán ter un acceso á praia das Catedrais en perfectas condicións. Pola súa banda, o Alcalde de Ribadeo agradeceulle ao Presidente a súa celeridade, xa que se cumpriron os prazos establecidos. Esta é unha praia universal, e moi visitada, onde sobre todo en época estival, a circulación dos vehículos é problemática. A Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Deputación foi a encargada da redacción do proxecto destas obras que teñen un prazo de execución de 4 meses. Novidades do proxecto Gómez Besteiro salientou que o organismo provincial acordou incluír varias novidades, por un parte, aumentar o número de quilómetros de estrada que se tiña previsto mellorar, e chegando aos 2,4, concretamente dende o punto 9,920 ao 12,320. Asimesmo, o proxecto contempla o incremento dos metros do ensanche do vial e o acondicionamento da plataforma existente dende o punto quilométrico 9,920 ao 11,340 en 6,5 metros, e de 6 metros dende o 11,240 ó 12,320. O máximo mandatario provincial destacou que deste xeito acometemos unha actuación moi necesaria, e que era moi reclamada pola Alcalde e os veciños, xa que nas zonas máis transitadas, por exemplo a de acceso da praia das Catedrais á dos Castros, o ensanche era de tan só 4 metros, e agora será de 6. Asimesmo, o proxecto inclúe outras novidades importantes: a construción dunha rotonda no entronque do vial de unión coa N-634 e a A-8, e que se ubicará no punto quilométrico 11,065;e a instalación dunha depuradora. O máximo mandatario provincial explicou que esta infraestrutura se situará na entrada do areal, e dará saía ás instalacións públicas. Tratase dunha iniciativa que podía ser competencia de Costas, pero que nós asumimos dentro do noso compromiso polo medio ambiente. Neste senso, Gómez Besteiro indicou que a depuradora é parte do proceso necesario para obter a certificación medioambiental deste areal, e na que está a traballar a Deputación. O titular do organismo provincial adiantou que no primeiro trimestre de 2010 iniciaranse os traballos nos Concellos que finalmente se unan a esta iniciativa. Deste xeito, a praia das Catedrais será a única non urbana que contará con este distintivo.