Deputación de Lugo

Deputación e MARM destinan 6,5 millóns de euros ó acondicionamento das marxes e da cunca do Eo
na Pontenova

A Ministra de Medio Ambiente subraiou que “tivo que producirse o cambio de goberno na Deputación para que o proxecto que levaba atascado desde 2001 saíse adiante.”

A redacción do novo proxecto, que busca paliar os efectos das avenidas da zona e crear un parque fluvial, responde á necesidade de mininimizar a repercusión ambiental negativa que contemplaba a redacción inicial Jorge Marquínez e Gómez Besteiro asinaron o convenio que permitirá o desenvolvemento das obras que serán financiadas no 70% polo MARM e o 30% restante pola institución provincial A Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), Elena Espinosa, anunciou este martes a inminente licitación das obras de acondicionamento das marxes e da cunca do río Eo na Pontenova. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Jorge Marquínez, asinaron o convenio de colaboración que define a coordinación dos traballos entre ámbalas dúas institucións. As obras suporán un investimento de 6,5 millóns de euros, financiados polo MARM nun 70% e pola institución provincial no 30% restante. Espinosa destacou que o compromiso da Deputación con este proxecto data de 2001, “pero tivo que producirse o cambio de goberno para que este saise adiante, de tal xeito que foi o equipo de Gómez Besteiro o que quixo que quedase saldada esta débeda que tiña a Deputación co Ministerio, e non o fixo a través de palabras senón de feitos. A nivel provincial puidemos desatascar o escollo do financiamento e a nivel local comezaron a primarse os intereses dos cidadáns e non os urbanísticos”. No acto no que tamén estiveron presentes o Alcalde da Pontenova, Darío Campos, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, Gómez Besteiro subraiou que “para nós era unha asignatura pendente solucionar o problema da Pontenova. Este ano a Deputación deu mostras de que podiamos ser un socio solvente unha vez solucionados todos os problemas que houbo, pois só conduciron a non facer as cousas. Trátase dunha actuación clave para a institución provincial porque supón un esforzo orzamentario importante, pero quixemos facelo porque un dos nosos eixos extratéxicos é o medio ambiente, tal e como se reflicten nos proxectos europeos que solicitamos, na colaboración cos Concellos, etc. Ademais, temos que ter en conta que o 55% do territorio é Reserva da Biosfera. Queremos, por tanto, que o medio ambiente sexa unha das arterias desta provincia”. O plego inicial requeriu unha nova redacción, co obxectivo de paliar a dureza da actuación desde o punto de vista medioambiental, sen que elo menoscabe os beneficios que o encauzamento proxectado terá para o Concello. Descripción das obras A actuación vén motivada polas seguintes necesidades: a existencia dunha ponte sobre o río, que supón un importante obstáculo para o desagüedo dos caudais agardados en máximas crecidas e a vulnerabilidade das edificacións situadas ocupando a chaira asolagable do río Eo, ó seu paso pola Pontenova. O novo proxecto busca realizar unha actuación de menor impacto ambiental, sendo necesaria a ocupación dunha maior superficie de terreo para conseguir preservar a chaira de inundación naquelas zonas nas que é posible dada a ausencia de vivendas, mediante un cabalón de terras. En canto ás estruturas necesarias para encauzar e protexer as marxes do río fronte ás avenidas, substituíronse os muros de formigón por un cabalón acabado con un talude de terra vexetal. Ademais do cabalón, proxéctase o vaciado das parcelas da zona, de xeito que o terreo que queda entre o pe do talude e o río converterase nunha ampla chaira asolagable en caso de avenida e, á súa vez, nunha zona de esparcemento, permitindo á poboación desfrutar dun contorno natural. A nova ponte, que constituirá o cruce sobre o Eo, terá unha estrutura de taboleiro con dous vanos iguais. Baixo o primeiro vano quedará o río, mentras que no segundo, crearase unha zona de recreo. Ademais, a ponte que na actualidade existe na zona próxima á casa consistorial será substituída por unha pasarela metálica. Por outra banda, prevese a construción dun pozo de bombeo de augas residuais, necesario para recoller os verquidos de algunhas vivendas, de xeito que se eleven á rede existente. Acondicionarase toda a zona, de tal modo que a poboación poida desfrutar dunha senda peonil no contorno do río.