Deputación de Lugo

Gómez Besteiro explicou os 11,7 millóns de euros que está investindo a Deputación en Chantada

O Presidente da Deputación entrevistouse cos 3.840 socios de dúas cooperativas agrarias ós que deu conta das principais actuacións que a Institución acomete na zona

O responsable provincial destacou que o parque de bombeiros, a ampliación do polígono dos Acivros e outros convenios “son á marxe da débeda do canon” Gómez Besteiro fixo un chamamento ás cooperativas para que participen no Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro cuxo plan director estará finalizado nun mes e medio O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres en Chantada, perante ós representantes de dúas cooperativas agrarias que suman 3.840 socios, que a institución provincial está a investir neste municipio 11.666.856 euros. Gómez Besteiro destacou que “a Deputación é útil para Chantada porque cremos no que facemos e isto non son promesas senón que son obras reais. Saldamos a débeda histórica do canon, tendo en conta que o anterior goberno do Partido Popular non quería pagar a Chantada os 4,9 millóns de euros que a Deputación lle adebedaba, pero tamén estamos a cumprir cos outros 15 concellos afectados que sen embargo non están amparados por ningunha sentenza favorable. Eu creo que os veciños saben quen cumpriu e pechou este episodio triste da Deputación e quen non”. O responsable provincial púxose a disposición das cooperativas “para traballar conxuntamente nestes tempos de crise baixo a filosofía de que a Deputación é e quere ser útil”. Explicoulles que isto non vai ser competencia das asociacións agrarias senón que lles fixo un chamamento para que se impliquen no Centro de Recría, pioneiro en Galicia, que está a ultimar a Deputación de Lugo. A este respecto anunciou que o Plan Director está moi avanzado, de tal xeito que estará concluído nun mes e medio e contempla a segregación da finca, primando o Centro de Recría. Asimesmo, Gómez Besteiro explicou que o seguinte paso é a redacción do proxecto e a finais de ano contrataranse as obras que rondan os 5 millóns de euros. A última fase será a xestión da propia Granxa e “estamos abertos a ter socios. Queremos sumar e non restar, de forma que a nosa intención é ir da man dos profesionais, como son as cooperativas”. Explicou que o Centro de Recría “naceu para poñerse ó servizo dos gandeiros e solventar un déficit histórico da provincia”. O máximo mandatario provincial lembrou que a Deputación tamén aprobou o Plan de Obras do canon de Chantada correspondente á anualidade de 2008, e que ascende a 1,6 millóns de euros, “co que imos facer seis actuacións concretas que complementan outras actuación impulsadas polo goberno de Emilio Pérez Touriño. Esta foi unha aprobación histórica que se remonta ó ano 1991, o que demostra que a nosa razón de ser radica, sen dúbida, en ser útiles á provincia a través da cooperación cos Concellos”. O Plan de Obras contempla as seguintes actuacións: a rexeneración das vías do entorno rural (1.149.764 euros), adquisición de terreos para a depuradora (150.000 euros), campo de fútbol de Sangoñedo (169.389 euros), reurbanización do polígono dos Acivros (45.226 euros), saneamento do núcleo de Viana (16.143 euros) e a praza de Abastos (119.280 euros). Gómez Besteiro subliñou que “ademais de saldar a débeda con Chantada, antes de chegar á metade do mandato pechamos o pago do canon enerxético co resto de Concellos afectados. Deste xeito, pecharemos un cadro de obras coa tranquilidade de que estes cartos que a Deputación ten se fan a través dunha liña de crédito para que non se perdan”. Polígono industrial e parque de bombeiros A través da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), a Deputación promove a ampliación da área industrial dos Acivros. Esta ampliación conta cunha superficie de 117.778 m2. Iniciouse a redacción do proxecto que terá que ser aprobado polo Concello para que poidan dar comezo as obras. O presuposto para esta ampliación é de 2.830.000 euros. Asimesmo, Gómez Besteiro, lembrou que en abril de 2008 o goberno de Emilio Pérez Touriño contratou as obras de construción do parque de Chantada. Nestes momentos, os traballos, que contan cun prazo de 10 meses, xa están bastante avanzados. O edificio terá un custe de 499.300 euros. Ademais, hoxe mesmo, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a contratación de material para os cinco parques da provincia, entre eles o de Chantada, por un valor de 3 millóns de euros. A isto hai que engadirlle que xa foron adquiridas as cinco bombas nodriza pola Consellería de Presidencia e que permitirán a posta en funcionamento dos parques e a dotación de persoal. Gómez Besteiro sinalou que a reunión do Consorcio, que foi aprobado no día de onte polo Consello da Xunta, terá lugar na Deputación o vindeiro mércores, 11 de febreiro. Outros compromisos con Chantada Unha das liñas estratéxicas da Deputación é a cooperación cos Concellos. Deste xeito, a través da creación voluntaria do Fondo Extraordinario da Deputación, dotado con 1,5 millón de euros, e complementario do Fondo Estatal de Investimento Local. Desta cantidade ó municipio chantadino correpondéronlle 64.777 euros. A Deputación aprobou en 2008 o Plan de mantemento da rede viaria provincial que ascende a 10,6 millóns de euros e se divide en 13 zonas. Precisamente Chantada atópase na zona 13 xunto cos Concellos de Antas de Ulla, Monterroso, Taboada e Carballedo. O mantemento dos 331,197 quilómetros da rede viaria provincial destes Concellos ascende a 814.436 euros. Nunha semana o máximo mandatario provincial asinou os primeiros convenios de roza de 2009 con 3 Concellos da Mariña: Viveiro, Burela, Riotorto e hoxe Chantada. Neste caso, xa se sumou o ano pasado e volve repetir nesta anualidade. Chantada acometerá a xestión de 110,912 quilómetros de estradas provinciais o que supón un custe para Deputación de 19.597 euros. A Deputación destinou este ano 2,2 millóns de euros a 291 obras de interese comunitario dentro do Plan de Comunidades Veciñais. Á cargo desta cantidade no municipio chantadino realizaranse obras por valor de 38.046 euros.