Deputación de Lugo

Deputación e Xunta fixan o 1 de xullo deste ano como data para a transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS

O Hospital de San José, en Lugo, transferirase á Comunidade Autónoma de Galicia prohibíndose calquera uso residencial público ou privado

A transferencia dos hospitais permitirá ofrecer servizos de maior calidade ós pacientes e racionalizar os recursos públicos Gómez Besteiro subliñou que “pechamos o marco do proceso de transferencias no que xa non hai volta atrás” Na xuntanza tamén participaron a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, o Deputado de Réxime Interior, Melchor Roel, o Delegado Provincial do SERGAS, Miguel Ángel Rodríguez Lois, e o Director do SERGAS, José Luís Rodríguez López O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, presidiron este martes a reunión da Comisión Mixta na que se acordou o 1 de xullo como data para que os hospitais de San José e San Rafael pasen a depender do Sistema Galego de Saúde Pública (SERGAS), e se concretaron os custes económicos da transferencia e do uso dos inmobles. Gómez Besteiro subraiou que “pechamos o marco do proceso de transferencias e no que xa non hai volta atrás. Concluímos o acordo en materia económica nunha cantidade que se fará efectiva segundo o periodo ó que vén facendo fronte a Consellería para logo empezar a liquidar esa débeda que se xera agora. Desbloqueamos outra débeda histórica que tiña esta institución. De novo, Emilio Pérez Touriño cumpre coa provincia de Lugo ó igual que o fixo, por exemplo, co Consorcio Provincial de Bombeiros”. No eido dos custes económicos, a Consellería de Sanidade ratificou o compromiso de completar o pago da débeda comprometida en 2005 polo anterior Goberno, e que remata en 2011. Ademais, a Xunta asumirá a contía contraída desde entón ata o vindeiro 1 de xullo por asistencia sanitaria, e que se cifra, ata o 31 de decembro de 2008 en 17,5 millóns de euros. En virtude do acordo, no caso da Ponencia Técnica de Inmobles establécese a prohibición dos usos residencias públicos ou privados na parcela na que se ubica o centro hospitalario da cidade. Deste xeito, antes de que a transferencia sexa efectiva a Deputación deberá segregar unha parte do recinto de San José, que continuará sendo ocupado por dependencias do organismo provincial, concretamente pola Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. O mesmo acontece co Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, donde terá que deslindarse a actual granxa-obradoiro que comparte instalacións co centro hospitalario. Tanto Rubio Vidal como Gómez Besteiro coincidiron en sinalar que a reserva feita, no caso do de San José despexa calquera dúbida sobre especulacións e amosa “que nunca houbo vontade de especular e que, o que poñía o anterior Presidente da Deputación, eran meras desculpas para non facer a transferencia”. Segundo Vega Buján: “cando asumín a responsabilidade da área de sanidade eramos a única Deputación provincial que quedaba prestando servizos sanitarios de grande entidade, como pode ser a psiquiatría ou determinados servizos que prestaba o San Xosé. Desde aquel primeiro momento o obxectivo primordial era acabar con ese anacronismo, pasando as competencias na materia á administración autonómica. Polo tanto hoxe é un día de satisfacción porque o fin de ese anacronismo xa ten data e esa data é o 1 de xullo”. A partir de agora, só resta completar os traballos da Comisión Técnica sobre Recursos Humanos e para coñecer exactamente, o número de profesionais, o custe das súas nóminas, e as condicións laborais das que disfrutan na actualidade. Unha vez concluídos os detalles finais destes traballos, asinarase o acordo de transferencia. A transferencia dos hospitais permitirá ofrecer ós pacientes servizos de calidade e racionalizar os recursos públicos. O titular provincial subliñou que “para a Deputación era unha asignatura pendente e así llo manifestei ó Presidente da Xunta en setembro de 2007 ó igual que outras custións de primeira orde para nós como o desbloqueo do parque de bombeiros ou o pago da débeda do canon hidroeléctrico. Sen dúbida, a tranferencia beneficiará ós traballadores e ós pacientes, xa que se prestará un servizo moito máis potente e en mellores condicións”. Ademais do Presidente da Deputación, na xuntanza tamén participaron a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, o Deputado de Réxime Interior, Melchor Roel, o Delegado Provincial do SERGAS, Miguel Ángel Rodríguez Lois, o Director do SERGAS, José Luis Rodríguez López, ademais de técnicos da Consellería e do organismo provincial. No transcurso do acto Gómez Besteiro agradeceu o traballo desenvolvido polos compañeiros de Goberno, Vega Buján e Roel, que participaron directamente no proceso de transferencia dos hospitais.