Deputación de Lugo

Deputación e Concello potencian a Semana Santa de Viveiro, que pregoará o secretario xeral de Inditex

O Presidente provincial, o alcalde viveirense e a Xunta de Confrarías presentaron este luns no Pazo de San Marcos o programa da festividade relixiosa, que pregoa este sábado Antonio Abril Abadín, natural do concello mariñanoUnha vintena de procesións e preto de corenta actos litúrxicos sucederanse ata o día 24 nunha celebración durante a que se duplica a poboación de Viveiro e os hoteis chegan ó 100% da ocupaciónO organismo provincial concedeu unha axuda extraordinaria de 40.000 euros para a organización do evento, o 25% do presuposto total co que conta este ano

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu este luns a presentación da Semana Santa de Viveiro, un acto que o Presidente Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde viveirense, Melchor Roel, aproveitaron para recalcar o seu empeño de impulsar dende as institucións que dirixen a festividade co fin de convertela “na mellor de Galicia” e de que consiga a Declaración de Interese Turístico Internacional. Consideran que a súa tradición, a riqueza e calidade das procesións, o dinamismo das confrarías, a gran implicación dos veciños e a multitude de visitantes que atrae outórganlle ó evento unha magnitude que o fan merecedor deste recoñecemento. A cidade do Landro recibe de feito nestes días a unhas 30.000 persoas, duplicando a súa poboación, e os hoteis chegan ó 100% da ocupación. Outros datos que revelan a súa importancia son que as oito confrarías existentes reúnen a máis de 3.000 confrades, preto do 20% da poboación total do Concello, e hai unha avultada lista de espera para portear as imaxes.

Xunto a Besteiro e Roel, estiveron no acto o Vicario Xeral da Diocese de Lugo, Luciano Armas; o presidente e a voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro, José Veiga e María del Carmen López, respectivamente, e o xornalista Xulio Xiz, que foi o encargado de facer a presentación. Xiz referiuse á Semana Santa viveirense como “unha explosión de fe e actividade, que, por outra banda, non é algo privativo desta festividade, se non que se produce en cada celebración que ten lugar na cidade, ben sexan as festas patronais, o Nadal ou o Entroido”. Destacou así mesmo o arraigo entre os viveirenses deste evento, “que teñen asumido nas entrañas” pola súa longa historia de polo menos 800 anos.

A Xunta de Confrarías expuxo na entrada do salón de plenos, onde tivo lugar o acto, estandartes e capuchóns, ademais de libros pregón, programas de man e carteis.

O Presidente Provincial aproveitou para anunciar que o autobús turístico de Lugo Terra que está recorrendo o norte e centro de España coa imaxe do actor Luis Tosar como reclamo repartirá entre os seus visitantes programas de man e carteis da Semana Santa de Viveiro para contribuír á súa difusión. Esta semana o vehículo que promociona os valores e recursos turísticos da provincia baixo o lema “Lugo Terra de todo natural. Eu son natural de Lugo” estará en Madrid, Valladolid, León e Zamora e a semana que vén recalará, xa en Galicia, en Ourense, Vigo, Pontevedra e A Coruña.

Os actos da Semana Santa comezan este venres coa procesión da Virxe das Dores, mentres que o sábado terá lugar o pregón do viveirense Antonio Abril Abadín, avogado do Estado e secretario xeral do grupo Inditex. O intenso programa, que inclúe unha vintena de procesións e preto de 40 actos litúrxicos, prolongarase hasta o 24 de abril. Entre os actos, destacan a Tamborrada, na que ducias de persoas fan vibrar as rúas da cidade, os Vía Crucis de Mulleres e Homes e procesións como a do Hecce Homo, Última Cena, El Prendimiento, El Encuentro, Santo Entierro, La Pasión, La Soledad o El Vía Crucis.

Novidades continuas

Unha das características polas que destaca e que fai atractiva a Semana Santa de Viveiro é o seu gran dinamismo. Celébrase de xeito ininterrompido dende o século XIII, herdando a tradición de franciscanos e dominicos, e nesa longa historia houbo etapas máis sobrias e outras de esplendor, como a dos anos 50 e 60. Na actualidade e dende hai unha década a celebración volve a vivir unha etapa álxida, con continuas restauracións, melloras e incorporacións de pezas -tanto de imaxinería, como de andas- e incluso coa organización de novas procesións, como foi o caso da do Ecce Homo instaurada hai dous anos. A portavoz da Xunta de Confrarías, María del Carmen López, Chipe, recoñece que foi a do “Santísimo Cristo de la Piedad” a que deu o primeiro paso, marcando un punto de inflexión: “El resto fuimos a la zaga”, apuntou.

Deste xeito, en cada edición hai novidades, que esixen moito traballo e unha inversión económica “incalculable”, explicou Chipe. Neste 2011, presentan innovacións a Confraría del Rosario, que fixo dúas andas novas para as imaxes de San Xoán e a Virxe da Resurrección; a “Venerable Orden Tercera”, que restaurou tres tallas para o Cristo das Caídas, o Cristo da Caña e o Cristo da Oración do Horto; a “Hermandad del Prendimiento”, que estrea a aureola da imaxe de San Pedro e mellorou a potencia da imaxe do Prendimiento; a “Hermandad de las Siete Palabras”, que incorpora novos candelabros para a imaxe do Resucitado; a de “La Misericordia”, que estrea indumentaria e trono de ourivaría para a Virxe da Clemencia; e a “Hermandad de Mujeres de la Santa Cruz” (formada só por mulleres), que fixo unha nova coroa para a Virxe da Esperanza, na súa maioría costeada con donativos e con achegas en prata e esmeraldas.

Outro froito desa dinámica actividade é o programa de difusión cultural Adral, que a Xunta de Confrarías organiza durante a Coresma, de maneira complementaria ós actos da Semana Santa. Trátase de actos culturais -como conferencias e concertos de bandas de música e coros- que empezaron o 24 de marzo e concluirán este próximo xoves, 14 de abril. Esta proposta conta cunha gran aceptación popular. A maiores, organizan catro exposicións en distintos puntos da cidade: “La Pasión”, composta por óleos e que se instalará no salón multiusos do Concello; “Antesala de un museo”, na Praza Jacinto Calvo; “Os Nosos Rostros” e “Imaxes de Imaxes”, polo casco histórico, e mostra do 50 aniversario do Congreso Eucarístico Comarcal 1961-2011, no vello consistorio.

Presuposto

O presuposto estimado da Xunta de Confrarías para este 2011 é duns 160.000 euros, dos que o 25% -40.000 euros- foron aportados pola Deputación de Lugo a través dunha axuda extraordinaria. Este colectivo representa ás 8 confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”; “Del Rosario”, “Santísimo Cristo de la Piedad”; “Hermandad del Prendimiento”; “de las Siete Palabras”; “de la Santa Cruz”; “Nazarenos dos de Fóra” e “Misericordia”. Dende a súa formación, recibe unha subvención directa de 64.000 euros por parte do Concello. Ademais, por primeira vez este ano, dispoñen de locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe.