Deputación de Lugo

A Deputación informará o martes das axudas que concede Industria ás empresas para impulsar as TIC

Imaxe deputación de lugo
Trátase das subvencións e préstamos contemplados no Plan Avanza 2, dotado con 682 millóns de euros e do que se poden beneficiar organizacións empresariais e sociedades sen ánimo de lucro A sesión informativa terá lugar ás 20:00 horas no Centro de Innovación Social In Lugo e os interesados poden inscribirse enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org ou ben chamando ó 982.22.51.86

A Deputación, a través do Centro de Innovación Social In Lugo e o centro de asesoramento empresarial Innova Empresa, convocou para o próximo martes, 12 de abril, unha xornada informativa sobre as axudas que concede o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan Avanza 2, encamiñadas a impulsalas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A consignación orzamentaria deste programa do Goberno Central supera os 682 millóns de euros e del pódense beneficiar, entre outros, empresas, agrupacións empresariais e entidades sen ánimo de lucro.

A cita terá lugar ás 20:00 horas, na sede de In Lugo, emprazada na Rúa Frei Rei Lemos s/n, en fronte do Hospital de San José. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse enviando un correo electrónico á dirección inlugo@deputacionlugo.org ou ben chamando ó número de teléfono 982.22.51.86, en horario de 9:00 a 21:00, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 10:00 a 14:00.

Coa xornada, o organismo provincial quere que o tecido empresarial e as organizacións sen ánimo de lucro da provincia teñan información detallada sobre unhas axudas que lles poden resultar moi beneficiosas e útiles para incrementar, a través das novas tecnoloxías, a súa competitividade e produtividade, recortar custes e poñer en marcha novas ideas empresariais.

O Ministerio de Industria pretende con este plan contribuir a un cambio de modelo económico en España por medio das TIC. A través del concederá subvencións e/ou préstamos (a un interese do 1,19%) para desenvolver proxectos cos seguintes obxectivos: incrementar o uso avanzado de servizos dixitais, desenrolar as capacidades tecnolóxicas do sector TIC, promover a incorporación das tecnoloxías da información nas empresas, fortalecer o sector de contidos dixitais e desenvolver as TIC verdes.

A maior parte do orzamento da convocatoria de axudas, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 30 de marzo, está destinado a programas nos que teñen un papel protagonista as Pemes, un 150% máis ca en 2010.