Deputación de Lugo

A Fundación TIC elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural de Antas de Ulla

Os traballos audiovisuais recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas do concello, as de Santiago de Dorra e Santa Mariña, que reúnen a un gran número de veciños emigrados que retornan ó seu pobo natal polo veránGómez Besteiro asistiu á estrea dos documentais, cos que a entidade provincial deu resposta á demanda das asociacións veciñais de ámbolos dous núcleos de poñer en valor e preservar estas celebracións

Un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural do Concello de Antas de Ulla. Os traballos audiovisuais recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas da localidade, as de Santiago de Dorra, que se celebran o 25 de xullo, e as de Santa Mariña, que teñen lugar o primeiro domingo de agosto. Estes festexos caracterízanse por reunir a un gran número de veciños emigrados, que retornan ó seu pobo natal polo verán para reunirse coas súas familias e tamén gozar precisamente desta cita.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asistiu este xoves á estrea dos vídeos documentais, cos que o ente provincial deu resposta a unha demanda realizada polas asociacións veciñais de ámbalas dúas parroquias. Estes colectivos queren poñer en valor as celebracións e conservalas en formato dixital para que perduren no tempo. A presentación do DVD sobre as patronais de Santiago de Dorra tivo lugar na casa reitoral de Senande e o de Santa Mariña desenvolveuse na “Taberna de Lola”.

A gravación comezou durante as festas do verán de 2010 e consta dunha primeira parte, común nos dous casos, na que se describen os recursos e atractivos do Concello de Antas de Ulla, e unha segunda parte, na que se mostran os actos de celebración en si, entre os que teñen un papel destacado as procesións pola súa gran tradición e a importante cantidade de persoas que participa. Para os traballos contouse coa participación activa dos verdadeiros protagonistas: os asistentes ás patronais e os representantes dos colectivos veciñais. Deste xeito, o equipo da Fundación TIC recolleu as súas testemuñas, nas que relatan vivencias persoais e o especial significado que teñen os festexos, en canto que implican reencontrarse con familiares e amigos e pasar unha xornada de diversión na súa compaña.

A Fundación TIC editou 150 exemplares de cada DVD, que comezaron a repartirse de maneira totalmente gratuíta este mesmo venres coincidindo coa súa presentación. A partir de agora, da distribución ocuparanse as asociacións de veciños de Santiago de Dorra e de Santa Mariña.