Deputación de Lugo

In Lugo leva a Chantada e A Fonsagrada os primeiros obradoiros itinerantes que organiza

O curso que imparte na vila chantadina é de informática e conta con 10 alumnos, mentres que o da Fonsagrada versa sobre fotografía dixital e participan outra decena de persoas Nas instalacións do Centro de Innovación Social da Deputación -In Lugo- desenvólvense ó longo desta semana clases sobre DNI Electrónico, alfabetización informática e fotografía dixital, para as que se esgotaron as prazas

O Centro de Innovación Social In Lugo iniciou nos concellos de Chantada e A Fonsagrada as súas actividades itinerantes de formación. No primeiro caso, desenvólvese un curso de alfabetización informática, no que os 10 asistentes adquirirán os coñecementos básicos para saber manexar un ordenador e utilizar os buscadores de Internet e o correo electrónico. As clases rematan hoxe xoves. No municipio fonsagradino, o obradoiro é de fotografía dixital e conta cunha decena de participantes. Impartiranse hasta o 15 de abril, en horario de 19:00 a 21:00. En ámbalas dúas localidades, o lugar de celebración das xornadas son os telecentros. Nas vindeiras semanas levaranse os obradoiros itinerantes a outras localidades da provincia.

Ademais destes cursos fóra das súas instalacións, In Lugo, un servizo dependente da Deputación, continúa co seu programa de actividades no propio centro, emprazado no mesmo edificio da Escola de Imaxe e Son. Deste xeito, esta semana desenvólvese un obradoiro de DNI Electrónico, con 15 alumnos, e outro de alfabetización informática, con outros 15 inscritos. Tamén comezou o luns un sobre fotografía dixital, no que participan doce persoas que continuará hasta o día 15 de abril. Por outra banda, este sábado, en horario de 10:00 a 14:00, continúan as xornadas sobre posicionamento nas redes sociais dirixidas a empresarios e emprendedores.

Coa organización destes obradoiros, totalmente gratuítos e dirixidos a tódolos públicos, o Centro de Innovación Social responde ó seu obxectivo de axudar a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, ó achegarlle as novas tecnoloxías -sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos-, fomentar o envellecemento activo e impedir o illamento dos veciños da provincia.

Os interesados en coñecer e tomar parte nas actividades de In Lugo poden dirixirse ó propio centro, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org As empresas ou emprendedores que desexen someter a test un produto ou servizo nas instalacións do centro tamén poderán solicitalo a través dos medios mencionados.

30 bolsas de emprego

A Deputación mantén aberto ata o próximo martes, 12 de abril, o prazo de solicitude das 30 bolsas de emprego no campo da innovación que convocou a través de In Lugo. As persoas interesadas deben descargar o correspondente formulario de inscrición na páxina web www.deputacionlugo.org e presentar a documentación no Rexistro Xeral do organismo provincial.

As becas están dirixidas a titulados lucenses desempregados e oferta 6 meses de emprego, remunerado con 800 euros mensuais, en entidades sen ánimo de lucro que desexan desenvolver novos proxectos tecnolóxicos para potenciar a súa actividade. As organizacións beneficiarias son: CETAL, AJE, as asociacións de Empresarias de Lugo e a Empresarial de Industria de Transformación do Polígono CEAO, e os Campus de Coruña e Santiago.

A lista provisional de admitidos publicarase o 15 deste mes e a definitiva, o día 20. Seguidamente, o día 25, terán lugar as entrevistas de selección e o 28 farase pública a lista de persoas beneficiarias das 30 bolsas, que comezarán a traballar o 2 de maio.