Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asina en Guitiriz dous convenios por valor de 60.000 euros

Gómez Besteiro acorda unha axuda de 30.000 euros para a rehabilitación dos alpendres que acollen a feira quincenal de Parga, un dos mercados máis populares de Galicia O organismo provincial colabora coa creación do centro loxístico de transportes en Pardiñas mediante a construción dunha sede para a Asociación de Empresarios do Polígono

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, asinou este domingo dous convenios de colaboración con colectivos de dito municipio por valor de 60.000 euros, que se viñan xestando nos últimos meses, e cuxas obras de execución serán inmediatas.

O primeiro acordo foi co presidente da comunidade de propietarios do Campo da Feira de Parga, Plácido Buján. O organismo provincial concede a este colectivo unha axuda de 30.000 euros para rehabilitar os alpendres que, cada 15 días, acollen a popular feira da zona. Trátase dun dos mercados más importantes en Galicia. Orixinouse no barrio da Puebla e, en 1875, levouse a zona actual debido a gran afluencia de persoas que recibe. Ditos alpendres foron construídos hai máis de 100 anos co mesmo material, concretamente granito, que a Sagrada Familia de Barcelona. Son os lugares de exposición de produtos autóctonos como trigo, centeno, queixo, mel, castañas, fabas, así como de aparellos de labranza e maquinaria agrícola.

Os veciños da zona solicitaron este ano a colaboración da Deputación para o seu arranxo ó considerar que contribúe á continuidade da celebración da feira na zona, favorecendo o desenvolvemento económico de Guitiriz, e á conservación do seu patrimonio.

Actuacións no polígono

Gómez Besteiro asinou ademais un convenio para apoiar á creación dun centro loxístico de transportes no polígono de Pardiñas. O acordo, xestado no mes de febreiro, establece unha axuda de 30.000 euros á Asociación de Empresarios do Polígono Empresarial de Guitiriz, -colectivo que impulsa o centro de transportes e que preside Pablo Gómez, para a construción dun local na área industrial, que lles permita desenvolver a súa actividade. Segundo as previsións dos empresarios, o centro loxístico de transportes estará en marcha no mes de abril, feito que obriga a adiantar a consecución da súa sede.

O centro é unha iniciativa pioneira en Galicia, promovida pola Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (ASCENTRA). Segundo recolle o seu informe técnico, este proxecto suporá a creación de 10 postos de traballo de forma directa e ó mantemento dos 883 empregos cos que conta na actualidade a entidade promotora, formada por varias cooperativas. Ademais, e sempre segundo ASCENTRA, relanzará o parque empresarial de Pardiñas. Coa súa posta en marcha, as firmas adheridas á entidade promotora gañarán en competitividade, ó conseguir unha redución dos custes de explotación do negocio, sobre todo os de combustible. A maiores, mellorará a súa operatividade, e facilitará o crecemento do seu volume de negocio.

O centro loxístico de transportes supón unha inversión de 1 millóns de euros destinados a avalar ante as petroleiras as compras de combustible durante o primeiro medio ano de funcionamento. O obxectivo é que, tras ese período de seis meses, o centro se autofinancie cos recursos que xere. A previsión de ASCENTRA é que o servizo acumule un beneficio de 1,7 millóns de euros nos primeiros 5 anos de funcionamento.