A Deputación acomete este ano en Riotorto obras do Plan de Comunidades Veciñais por valor de 47.300 euros
A Deputación de Lugo acomete este ano en Riotorto obras do Plan de Comunidades Veciñais por un valor global de máis de 47.300 euros. Trátase de actuacións para o acondicionamento de fontes, rehabilitación de dúas igrexas e mellora de pistas. A achega da Deputación para levar adiante estes traballos é de preto da metade do orzamento total necesario, isto é, 23.500 euros, mentres que o resto será aportado polas entidades asociativas que solicitaron os proxectos.
Gómez Besteiro supervisou precisamente este venres as obras do programa de cooperación cos veciños desenvolvido en Riotorto no 2010, pero tamén estivo neste municipio para participar na procesión do Desencravo celebrada na parroquia de San Pedro. O presidente estivo acompañado polo portavoz socialista no Concello, José García Freije.
No conxunto da provincia de Lugo, acométense 295 obras a través do Plan de Comunidades Veciñais do 2011. A inversión é de 3,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 67,6%, é dicir, 2,3 millóns. Este plan subvenciona pequenas actuacións que os concellos non poderían acometer sen a colaboración do organismo provincial. É o caso de pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos e pavimentacións, rede de sumidoiros, alumeado público ou acondicionamento de camiños rurais.