Deputación de Lugo

Unha decena persoas de todas as idades iniciaranse esta semana na xestión de arquivos grazas ó In Lugo da Deputación

O Centro de Innovación Social arrancou o pasado xoves a programación deste mes que inclúe 28 cursos, obradoiros e seminarios sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, dirixidos a persoas de todas as idadesOs interesados aínda poden formalizar a súa inscrición nas instalacións do centro na capital, na web www.inlugo.deputacionlugo.org ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org Logo das solicitudes realizadas por varios colectivos, o Centro desenvolve varias xornadas formativas itinerantes nos Concellos de Cospeito e O Saviñao

O 1º Centro de Innovación Social en Galicia (In Lugo) que puxo en marcha a Deputación mediante o cofinaciamento do 88,9% do “Plan Avanza” do Ministerio de Industria continúa a desenvolver a súa programación de actividades que, de xeito, gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Precisamente, este mércores dará comezo o de “Xestión de Arquivos”, no que os asistentes iniciaranse nesta técnica, coñecendo distintos métodos de xestión ou mesmo a gravación de datos en CDs e pen-drives. En total, unha decena de participantes xa formalizaron a súa inscrición nesta actividade.

Asimesmo, ata o 14 de xuño, o In Lugo, situado na rúa Frei Plácido Lemos da capital onde tamén se atopa a única Escola de Imaxe de Son que impulsou a institución luguesa, acolle a xornada “Fotografía Réflex” na que están a participar outras dez persoas. Neste caso, os participantes adquiren coñecementos relativos á composición e ás distintas técnicas deste tipo de fotografía, así como consellos para fotografiar en distintas situacións ou para a creación dun mural fotográfico na rúa (wallpeople) con imaxes de contido paisaxístico e social.

28 cursos e 400 prazas

A programación de xuño arrancou o pasado xoves. Está formada por un total de 28 cursos, dotados con 400 prazas. Ademais do que se iniciará este mércores, o Centro organiza outros 19 obradoiros. Son os seguintes: DNI Electrónico (a chave imprescindible para facer uso da administración electrónica que implantará a Deputación na provincia tamén este mes); Iniciación á Informática (dirixida a persoas que non teñan coñecementos básicos sobre esta ferramenta); Telefonía móbil (para maiores de 65 anos); así como Redes sociais, Xestión de arquivos, Crea o teu propio blog; Writer; CALC; Vídeo dixital; e SIXPAC (para todos os públicos).

Asimesmo e co obxectivo de facilitar o seu acceso, o Centro de Innovación Social continúa a desenvolver varias actividades nos Concellos da provincia. 3 delas levaranse a cabo en Cospeito e no Saviñao. Neste último municipio, as localidades escollidas para a súa celebración son Escairón e Vilelos. Deste xeito, o organismo provincial dá resposta á solicitude realizada por varios colectivos que amosaron o seu interese por varias iniciativas da programación deseñada polo In Lugo. É o caso das Mulleres de Xermar que pediron un curso de Iniciación á informática que tivo lugar na sede deste colectivo, de 21:00 ás 22:30 horas, o 3 de xuño, e que continuará os días 10, 17 e 24 nese mesmo lugar; os veciños de Escairón beneficiaranse dunhas xornadas sobre Sixpac, que acollerá a biblioteca municipal, o 20 e 21 de xuño, de 20:00 a 22:00 horas. Pola súa banda, dende 27 de xuño ó 1 de xullo, de 20:00 a 22:00 horas, a Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos recibirá formación sobre Ofimática.

Ó respecto dos seminario e obradoiros, haberá 9: Lembranza fotográfica (para maiores de 45 anos); Prevención de riscos domésticos (para maiores de 45 anos); Políticas de Igualdade; Axudas e subvencións (para todas as idades); Búsqueda activa de emprego (a partir dos 16 anos); Seguridade en Internet (nenos de entre 10 e 15 anos); Crea o teu horario escolar (de 6 a 12 anos); Educación vial e civismo (de 8 a 14 anos); e curso de Padel adaptado (para cativos con discapacidade).
Inscrición

Todas as persoas interesadas en participar nas actividades gratuítas do Centro de Innovación Social deste mes aínda poden formular xa a súa inscrición. Para elo, deberán achegarse as súas instalacións (rúa Frei Plácido Lemos da capital) no seguinte horario: de luns a vernes, de 9:00 a 21:00 horas; sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00; e domingo, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Ademais, tamén poderán solicitar unha praza na súa páxina web www.inlugo.deputacionlugo.org; ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org.

Formación on line

A maiores da modalidade presencial, existe a posibilidade de facer cursos on line, de diversas temáticas, como alfabetización informática, imaxe e son, iniciación ó deporte, Internet, orientación sociolaboral, ofimática e redes sociais, entre outros. Para poder participar, é necesario darse de alta como usuario da aula virtual, entrando na web www.inlugo.deputacionlugo.org descargar un formulario de inscrición, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org. O usuario recibirá despois outro e-mail coas claves de acceso para cada curso solicitado. Todas as actividades, presenciais e on line, son gratuítas, pensadas para tódolos públicos, e están encamiñadas a achegar as novas tecnoloxías á poboación, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos, contribuíndo a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, favorecer o envellecemento activo e eliminar o illamento dos veciños da provincia.