Máis da metade dos Concellos adheridos ó programa Innova-TE teñen implantada a e-Administración
Máis da metade dos 49 Concellos adheridos ó programa Innova-TE da Deputación de Lugo, o 55%, teñen a día de hoxe implantada a Administración Electrónica. Deste xeito, 27 municipios dispoñen deste servizo e os 22 restantes activarano de maneira progresiva nas vindeiras semanas. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que inicialmente, os concellos participantes no proxecto do organismo provincial eran 51, pero Xove e Vilalba desvinculáronse por falta de interese e implicación. Non entendemos como os Alcaldes destes dous municipios deixaron pasar esta oportunidade única. A día de hoxe aínda non sabemos cal foi a razón desta decisión porque é un programa importante para os veciños, xa que aforra tempo e recursos. Ademais, a propia normativa obriga ós Concellos a poñer en marcha a administración electrónica.
O plan Innova-TE está financiado nun 70% pola Unión Europea e resulta totalmente gratuíto para os entes locais. Coa súa execución, poñerase a disposición de 200.000 veciños os habitantes dos 49 concellos adheridos- a posibilidade de facer 79 trámites municipais por Internet, o que lles permitirá manter unha relación fluída coa administración e un importante aforro de tempo e diñeiro á hora de facer xestións diarias. Entre os procedementos dispoñibles figuran solicitudes de alta no subministro de auga potable e rede de sumidoiros, dun posto no mercado, certificado de empadroamento, subvencións para asociacións e colectivos, licenza de vao e de ocupación de vía pública, inscrición en bolsas de traballo, en escolas deportivas, talleres e cursos, garderías ou reserva de voda civil.
Os Concellos coa e-Administración arrancada xa teñen dispoñibles eses 79 trámites, a totalidade dos previstos no ámbito municipal. Son os seguintes: Burela, Foz, Mondoñedo, A Pastoriza, Begonte, Guitiriz, Riotorto, Pol, Baleira, Becerreá, Portomarín, Sarria, Samos, Rábade, Castroverde, Láncara, Paradela, O Páramo, Palas de Rei, Monterroso, Carballedo, Chantada, Taboada, A Pobra do Brollón, O Incio, Ribas de Sil e Sober. Ademais, de maneira inminente incorporaranse Lourenzá e Muras e, tras eles, farano Abadín, Castro de Rei, Meira, Ribeira de Piquín, Cervo, Viveiro, Ribadeo, A Pontenova, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Cervantes, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Friol, O Corgo, Triacastela, Monforte de Lemos e Quiroga. No caso da Deputación, poñeranse a disposición dos cidadáns 68 trámites, dos que 51 están a día de hoxe activos.
Dotacións tecnolóxicas
Para consolidar o despregue da Administración Electrónica e garantir o seu funcionamento eficaz, o programa Innova-TE facilitou equipamento tecnolóxico ós concellos (136 ordenadores, 102 portátiles, 42 impresoras, 33 servidores e 49 pantallas multimedia de información). Puxo en marcha tamén un plan de extensión de banda ancha que mellorará a conexión a Internet dos consistorios e telecentros, e que resultará determinante para ofrecer a tramitación on line en concellos con deficiente cobertura da Rede, como é o caso de Negueira, Navia, Triacastela ou Cervantes.
As entidades locais tamén poden renovar a súa páxina web a través do proxecto, modernizándoa e mellorando a súa accesibilidade e navegación. Nun primeiro momento solicitaron esta opción 32 concellos, pero, tras arrancar os 7 primeiros e ver os bos resultados, outros 7 decidiron beneficiarse desta posibilidade. Deste xeito, a día de hoxe, a gran maioría dos participantes no proxecto -39- teñen solicitado renovar o portal. Do total, están activados 26 e quedan 13 por facelo, o que depende de xestións municipais.
Zona de baño Lugo e actuacións noutros Concellos
Fóra da Orde do Día aprobouse a adxudicación de novas actuacións en 4 municipios da provincia por valor de 751.863 euros. Trátase do pantalán da zona de baño que Deputación e Concello construirán na área recreativa dos Robles. Ten un orzamento de 208.880 euros e disporá de dous aparcadoiros flotantes: un de 24 metros de longo por 10,5 de ancho para adultos coa profundidade do río e outro cunha profundidade de 0,50 para nenos. Tamén contará con 6 vestiarios nos Robles e un parque infantil.
Deste xeito, a infraestrutura estará en funcionamento antes do verán sempre e cando a Xunta de Galicia conceda o permiso necesario para poder bañarse. A día de hoxe e malia que este foi solicitado o pasado 14 de abril, a administración autonómica aínda non emitiu ningún tipo de resposta. Pola contra, a Confederación Hidrográfica está actuando en tempo e forma. Asimesmo, deuse o visto e prace ó parque infantil cuberto que se situará nas inmediacións do Pazo de Feiras e Exposicións. Terá 21 metros de longo por 14 de ancho e inclúese dentro do Plan Director do río Miño impulsado conxuntamente por ambas as dúas administracións. O importe desta actuación é de 214.297 euros.
En Monforte de Lemos, adxudicouse o remate da instalación eléctrica, aire acondicionado e pavimento na biblioteca e pintura exterior do Pazo de Tor, así como a rehabilitación da antiga Casa-Escola da Penela para centro sociocultural, acondicionamento das igrexas de Marcelle e Piñeira e mellora de infraestruturas viarias. Estas dúas actuacións teñen un investimento de 261.187 euros.
En Burela, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, adecuarase o contorno da igrexa da parroquia de Santa María por importe de 67.499 euros. Asimesmo, deuse o visto e prace a 9 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010 por valor de 86.179 euros, dos que a Deputación achega 62.872. Pertencen ós Concellos de Viveiro (3), Palas de Rei (2), Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil.