Deputación de Lugo

O Centro de Innovación Social da Deputación ofrece máis de 400 prazas nas actividades gratuítas de xuño

O In Lugo arrancou hoxe a programación deste mes que inclúe 28 cursos, obradoiros e seminarios sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, dirixidos a persoas de todas as idadesCospeito e O Saviñao son os Concellos beneficiados nesta ocasión das xornadas formativas itinerantes logo da solicitude de diferentes colectivos municipaisA inscrición, cuxo prazo está aberto, pode facerse nas instalacións do centro na capital, na web www.inlugo.deputacionlugo.org ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org

O 1º Centro de Innovación Social en Galicia (In Lugo) que puxo en marcha a Deputación mediante o cofinaciamento do 88,9% do “Plan Avanza” do Ministerio de Industria arrancou este xoves a programación de actividades para xuño. Son en total 28 cursos, obradoiros e seminarios que, de xeito totalmente gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Na convocatoria deste mes, o organismo provincial ofrece máis de 400 prazas a persoas de todas as idades.

Hoxe o In Lugo, situado na rúa Frei Plácido Lemos da capital onde tamén se atopa a única Escola de Imaxe de Son que impulsou a institución luguesa, acolleu as dúas primeiras xornadas formativas que se celebran este mes. Son “Correo electrónico, buscadores de Internet” e “Fotografía Réflex”, nas que 20 lucenses cobren a cota de prazas dispoñibles.

En total, o centro organiza en xuño 19 cursos tales como: DNI Electrónico (a chave imprescindible para facer uso da administración electrónica que implantará a Deputación na provincia tamén este mes); Iniciación á Informática (dirixida a persoas que non teñan coñecementos básicos sobre esta ferramenta); Telefonía móbil (para maiores de 65 anos); así como Redes sociais, Xestión de arquivos, Crea o teu propio blog; Writer; CALC; Vídeo dixital; e SIXPAC (para todos os públicos).

Non todas estas xornadas se celebrarán nas instalacións do Centro de Innovación Social xa que, co obxectivo de facilitar o seu acceso, 3 delas se levarán a Cospeito, Escairón e Vilelos, tamén en O Saviñao. Son ditos Concellos os que nesta ocasión se benefician das actividades itinerantes logo de que distintos colectivos municipais o solicitasen. É o caso das Mulleres de Xermar que pediron un curso de Iniciación á informática que terá lugar na sede deste colectivo, de 21:00 ás 22:30 horas, os días 3, 10, 17 e 24 de xuño; os veciños de Escairón que acollerán na biblioteca municipal, o 20 e 21 de xuño, de 20:00 a 22:00 horas, unha xornadas sobre Sixpac; pola súa banda, dende 27 de xuño ó 1 de xullo, de 20:00 a 22:00 horas, a Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos recibirá formación sobre Ofimática.

Ó respecto dos seminario e obradorios, haberá 9: Lembranza fotográfica (para maiores de 45 anos); Prevención de riscos domésticos (para maiores de 45 anos); Políticas de Igualdade; Axudas e subvencións (para todas as idades); Busqueda activa de emprego (a partir dos 16 anos); Seguridade en Internet (nenos de entre 10 e 15 anos); Crea o teu horario escolar (de 6 a 12 anos); Educación vial e civismo (de 8 a 14 anos); e curso de Padel adaptado (para cativos con discapacidade).

Inscrición

Todas as persoas interesadas en participar nas actividades gratuítas do Centro de Innovación Social deste mes poden formular xa a súa inscrición. Para elo, deberán achegarse as súas instalacións (rúa Frei Plácido Lemos da capital) no seguinte horario: de luns a vernes, de 9:00 a 21:00 horas; sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00; e domingo, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Ademais, tamén poderán solicitar unha praza na súa páxina web www.inlugo.deputacionlugo.org; ou enviando un email a inlugo@deputacionlugo.org.

Formación on line

A maiores da modalidade presencial, existe a posibilidade de facer cursos on line, de diversas temáticas, como alfabetización informática, imaxe e son, iniciación ó deporte, Internet, orientación sociolaboral, ofimática e redes sociais, entre outros. Para poder participar, é necesario darse de alta como usuario da aula virtual, entrando na web www.inlugo.deputacionlugo.org descargar un formulario de inscrición, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org O usuario recibirá despois outro e-mail coas claves de acceso para cada curso solicitado.

Tódalas actividades, presenciais e on line, son gratuítas, pensadas para tódolos públicos, e están encamiñadas a achegar as novas tecnoloxías á poboación, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos, contribuíndo a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, favorecer o envellecemento activo e eliminar o illamento dos veciños da provincia.