Deputación de Lugo

Máis de 500 persoas participaron na Mariña nas actividades do Lugoteando

As últimas 150 fixérono esta fin de semana en Ribadeo onde concluíu o programa lúdico-medioambiental da Deputación

Máis de 500 persoas participaron na Mariña nas actividades lúdico-medioambientais de Lugoteando, o programa da Deputación que impulsa a riqueza natural da provincia. As últimas 150 fixérono esta fin de semana en Ribadeo onde concluíu a iniciativa. Deste xeito, na zona do porto ribadense, víronse a ducias de persoas flotando na auga dentro de xigantes bolas e bananas acuáticas, mergullándose como golfiños cos sea-scooter, tonificando os músculos co paddle surf ou movéndose por terra en monopatíns eléctricos.

O éxito de acollida de Lugoteando en Ribadeo foi tal que, tanto o sábado como o domingo, se cubriron as cotas de prazas dispoñibles para practicar wakeboard -unha combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa- e Kite Surf -nunha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorporou cometas-.

Ademais de en Ribadeo, centos de persoas puideron redescubrir a costa lucense realizando innovadoras actividades na praia da Rapadoira en Foz, os días 11 e 12 de xuño, e na praia urbana de Burela, os días 18 e 19 de xuño.