Deputación de Lugo

Gómez Besteiro clausura o premio ós valores solidarios da Fundación Jacinto Calvo que recaeu na xornalista Silvia Melero

A entidade luguesa quixo premiar o traballo realizado pola profesional lucense, un reportaxe periodístico sobre a explotación infantil en Benin (África)O Presidente louvou tanto o traballo da premiada como o da Fundación que botou a andar en 2008 e que ten por obxectivo promover, impulsar e canalizar todas as iniciativas que contribúan ó desenvolvemento político-social e ó progreso económico e cultural da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este sábado o acto de entrega do premio “ós valores solidarios e ó compromiso social”, convocado pola Fundación Jacinto Calvo, e que recaeu na xornalista Silvia Melero. Deste xeito, a entidade luguesa quixo premiar o traballo realizado pola profesional lucense titulado “Escravitude onte e hoxe” sobre a explotación infantil en Benin (África). Gómez Besteiro quixo felicitar á premiada por saber captar a “sensibilidade e a preocupación por un problema como é a explotación infantil, que a veces nos parece distante, pero que sen embargo é necesario erradicar”.

Asimesmo, o Presidente recoñeceu publicamente o traballo desta Fundación, que iniciou a súa andaina hai tres anos e que ten por obxectivo promover, impulsar e canalizar todas aquelas iniciativas que contribúan ó desenvolvemento político-social e ó progreso económico e cultural da provincia. Neste senso, destacou que “coa presenza de todos nós neste acto estamos facendo unha homenaxe á figura da persoa que lle dá nome á Fundación. Jacinto Calvo foi un exemplo do que debe ser a loita polas liberdades e a democracia en Lugo, en Galicia e en España. Ós socialistas deixounos a súa experiencia. Educounos na defensa dos ideais do socialismo e no valor do público mo centro da acción política”.

Ademais de Gómez Besteiro, no acto tamén participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o presidente da Fundación, Miguel Vázquez Calvo, o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, a Presidenta da Asociación da Prensa de Lugo, Sabela Corbelle, ademais de Deputados provinciais e autonómicos.

Fundación Jacinto Calvo

A Fundación Jacinto Calvo botou a andar en decembro de 2008. É unha organización sen ánimo de lucro e que ten por vocación impulsar e canalizar iniciativas que contribúan ó desenvolvemento económico, político e social da provincia, fomentando o coñecemento, a expansión e o desenvolvemento do pensamento socialilsta.

Calvo tivo unha intensa vida política. Na Segunda República presentouse dúas veces como candidato ó Congreso dos Deputatos e, logo das eleccións de 1936, foi elexido compromisario para a elección como presidente do goberno de Manuel Azaña. Tamén participou na elaboración do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia.

Nas eleccións de 1977 formou parte da lista ó Senado presentada por Candidatura Democrática Galega con Ramón Piñeiro e Isaac Díaz Pardo e, nos comicios de 1982, converteuse no primeiro socialista con acta de Senador. Repetiu cargo nas eleccións de 1986, ata que en 1989 foi substituído como Senador por Lugo por José Blanco.