Deputación de Lugo

Presentado o novo goberno e as áreas de xestión que distribuirán o traballo da Deputación nos próximos 4 anos

PSOE e BNG renovaron un pacto de goberno, converténdose na primeira administración de Galicia que inclúe unha área de demografía nas súas políticasAntonio Veiga anuncia que ocupará o cargo de Vicepresidente 1º e que o Deputado Mario Veiga será o voceiro das competencias xestionadas polo BNG

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, acompañados de representantes de ambos os dous partidos políticos que compoñen o equipo de goberno provincial presentaron este sábado o pacto de goberno e as áreas de xestión que distribuirán o traballo da Deputación durante os próximos catro anos. Partindo dun proxecto común en favor da provincia, PSOE e BNG renovaron un goberno no que se presta especial atención a un aspecto totalmente novidoso como é a demografía, de tal xeito que a institución luguesa se converte na primeira administración de Galicia que crea unha área específica. Gómez Besteiro subliñou que “esta semana centrámonos na toma de posesión da Corporación, peche do pacto político, deseño do programa de goberno e distribución orgánica, polo que a semana seguinte designaranse os portavoces na reunión dos grupos políticos e identificarse as persoas que xestionarán as diferentes áreas”.

A este respecto, destacou que o pacto de goberno prodúcese logo de que “as votacións locais do 22 de maio expresaron unha vontade maioritaria que apoia o cambio iniciado en 2007 na provincia e revalida a súa confianza no goberno da Deputación como un bo mecanismo para dar resposta ós problemas dos veciños e dos Concellos de Lugo”.

Políticas aperturistas

Os representantes das dúas forzas políticas, que coincidiron en sinalar que non foi complicado pechar o pacto -tan só fixeron falta 4 reunións-, deron a coñecer as áreas de xestión nos xardíns da Deputación, un lugar que simboliza, “como goberno progresista que somos, a recuperación do público. Recuperamos un espazo de uso case privativo para abrilo á cidadanía nos próximos 20 días, pasando a parte de atrás a ser a de diante para desfrute dos cidadáns”.

A este respecto, Antonio Veiga subliñou que “este é un contorno marabilloso ó igual que pode ser a Mariña ou a Ribeira Sacra. É un exemplo da reedición dun goberno de coalición, que foi viable, eficaz, eficiente e que foi bo para os veciños de Lugo. Estes xardíns son un símbolo de apertura do que foi un coto privado”. Fronte á ineficacia dos bipartitos manifestada polos representantes do Partido Popular, Veiga engadiu: “temos claro o papel que temos que xogar os dous grupos sobre esta institución. Benvidos agora a outros a esta reflexión. Nos próximos catro anos o contexto social, económico e político cambiou, polo que imos ter que facer un esforzo moito máis grande”.

Novas necesidades, novas áreas

O novo goberno proseguirá desenvolvendo as políticas iniciadas no anterior mandato pero, sobre todo, dando resposta ós novos retos que afronta a provincia, “polo que a confianza renovada para a cidadanía no contexto actual fai que a esixencia sexa maior para todos nós no novo mandato 2011-2015”, indicou o Presidente. As áreas non aumentan, seguirán sendo oito -6 do PSOE e 2 do BNG como en 2007-, pero con destacadas innovacións.

Antonio Veiga anunciou que ocupará o cargo de Vicepresidente 1º e que o Deputado Mario Veiga será o voceiro do seu partido político, ó tempo que sinalou que “nos vindeiros catro anos seguirase democratizando a institución coa participación de todos os grupos políticos e saldaranse outras débedas históricas como analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria de Lugo, así como a apertura ó tráfico do dique norte do porto de San Cibrao ou reclamar a posta en servizo da autovía Ferrol-Barreiros, así como normalizar o uso do galego en todas as políticas da institución”.

Ademais da Presidencia, que a maiores das competencias sobradamente coñecidas, comprende responsabilidades como: a Oficina de Planificación estratéxica (execución do 1º Plan Estratéxico Provincial, unidade de proxectos, etc); Comunicación; Atención ó cidadán; Protocolo; Parque Móbil; dirección da Fundación TIC e as accións coa comunidade exterior, existirán as seguintes áreas, que experimentan unha profunda renovación:

1.- Área de Emprego, Economía Sostible e Demografía. Besteiro destacou que a Deputación de Lugo foi pioneira, rompendo o silencio administrativo sobre a cuestión demográfica –o maior problema que ten Lugo- e dando lugar, ademais do seu debate e difusión, a que outras administracións, como a Federación Galega de Municipios e Provincia (FEGAMP) anunciara a creación dunha comisión específica para frear o despoboamento demográfico. “E ademais a FEMP identificou 3 estratexias como clave fronte o despoboamento: a potenciación da economía vinculada ó medio ambiente, a extensión da administración electrónica e a creación de emprego. Por iso, a Economía Sostible irá da man da Demografía nesta nova área, unha das de maior envergadura na Deputación”, destacou o Presidente.

A área dividirase en:

a) Medio Ambiente e Enerxías renovables (comercialización de productos autóctonos, Axencia provincial da enerxía, etc).
b) Economía do coñecemento, emprendedores e innovación (administración electrónica, centros como o de Innovación Social, a oficina de asesoramento ós emprendedores, etc).
c) Economía Rural e do Mar (Granxa Gayoso Castro, liñas de colaboración co medio rural e mariño, etc).

2ª.- Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos
Columna vertebral do traballo da Deputación. Profundizará nas liñas iniciadas no anterior mandato que ademais aforraron cantidades contiosas ós municipios.

3ª.- Economía, Recadación e Facenda
Recadación cambia neste mandato de Cooperación cos Concellos para Economía e Facenda, por motivos de eficiencia e racionalización.

4ª.- Goberno interior
O antigo concepto de Recursos Humanos da un salto cara un novo concepto: o de goberno interior.

5ª.- Xestión Territorial
Tamén o antigo departamento de Obras e Infraestruturas da un salto cualitativo cara a xestión territorial, un concepto máis completo

6ª.- Deseño e Artesanía (CENTRAD). Anteriormente dependente do INLUDES, asume e amplía a súa parte de Deseño.

7ª.- Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, que xestionará Mario Outeiro.

8ª.- Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mociedade, que dirixirá Antonio Veiga.