Deputación de Lugo

170 persoas de todas as idades participarán nos cursos gratuítos do In Lugo para agosto

Son 15 xornadas que teñen lugar nas localidades vilalbesas de Mourence e Tardad, e nas instalacións do 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha pola DeputaciónAs 80 prazas dos cursos para nenos xa están cubertas, quedando só dispoñibles as últimas localidades nalgunhas das restantes actividades. Para facerse cunha delas, cómpre enviar un email a inlugo@deputacionlugo.org ou chamar ó 982 22 51 86

O In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha pola Deputación e cofinaciamento nun 88,9% polo “Plan Avanza” do Ministerio de Industria, organiza durante o mes de agosto 15 xornadas formativas sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, nas que participarán, de xeito totalmente gratuíto, un total de 170 persoas de todas as idades.

As actividades desglósanse do seguinte xeito:

Programación na provincia: trátanse dos cursos que o Centro descentraliza das instalacións da capital para celebralos nas distintas localidades lucenses que así o demanden. Ata o de agora, e a petición de colectivos de veciños, o In Lugo levou xornadas a Fonsagrada, Chantada, Cospeito, O Saviñao, Palas de Rei, Vilalba, Becerreá e Escairón. Este mes tócalle a Vilalba, concretamente ás parroquias chairegas de Mourence e Tardad, onde se ofertan 4 obradoiros con 50 prazas. Na escola da primeira destas localidades ten lugar, dende onte e ata este xoves, en horario de 16:00 ás 18:00 horas, o curso “Ofimática Básica” no que 12 persoas cobren a cota de prazas dispoñibles; o vindeiro día 8 e ata o 22, arrancará “Fotografía Dixital”. No centro educativo de Tardad, celebrarase “Iniciación á informática” a partires do día 8 e ata o 10, e “Ofimática Básica” entre o 16 e o 19. Para facerse con unhas das últimas prazas dispoñibles cómpre enviar un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org ou chamar ó 982-22-51-86.

Programación do centro: no propio In Lugo, emprazado no segundo andar da Escola de Imaxe e Son da rúa Frei Prácido Rei Lemos da capital lucense, terán lugar 3 cursos dos que se poderán beneficiar 40 persoas. Entre o 16 e o 18, celebrase “Fotografía Dixital”; do 24 ó 25, “Correo e Buscadores”; a partires do 29 e ata final de mes, “Writer”. Os interesados poden inscribirse empregando as direccións anteriormente mencionadas.

Ludo TIC: son os campamentos tecnolóxicos para nenos de entre 6 e 12 anos que acolle a sede do 1º Centro de Innovación Social en Galicia. 80 rapaces enchen as localidades dos 8 cursos de agosto, habendo cativos en lista de espera. Os luns ten lugar “Tarxetas de felicitación”, xornada na que os participantes realizan tarxetas personalizadas a través de internet e do procesador de textos, conseguindo deste xeito que se introduzan de forma lúdica e divertida no uso das novas tecnoloxías. Os martes e xoves celébrase “Aprendemos xogando”, curso no que se explica o uso das novas tecnoloxías empregando a plataforma de baile, xógase coa cámara web, coñécese o uso do bolígrafo dixital ou libro electrónico, ademais de personalizar debuxos, camisetas, gorros ou calquera prenda de vestir empregando o papel transfer. Finalmente, os luns e os mércores, desenvólvese “Mañás de verán”. Neste caso, o obxectivo é que os rapaces coñezan tanto os xogos tradicionais como as últimas novidades dos videoxogos, ó tempo que aprenden valores como traballar en equipo ou o compañeirismo.