Deputación de Lugo

A Deputación inicia a cimentación das 13 naves do 1º Centro de Recría público en España

O Presidente da institución e a de Tragsa dan conta do bo ritmo das obras logo de rematar antes do previsto co movemento de terras das 8 hectáreas que ocupará o CentroMalia que a Xunta paralizou o proxecto durante máis dun ano ó retrasar a declaración medioambiental, o intenso traballo realizado permitirá rematar en mes e medio as estruturas das primeiras navesBesteiro insta á Xunta a que recapacite para que o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo nas últimas década en Galicia esté cofinanciado por Deputación e Xunta Acollerá 3.000 novillas, triplicando a capacidade dos existentes na Comunidade e abaratando en 300 euros o que hoxe supón recriar cada animal fóra de Galicia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Presidenta do Grupo Tragsa, María Luisa Graña, acompañados dos Deputados de Economía do Rural e de Cooperación cos Concellos, José Fernández e Juan José Díaz Valiño, respectivamente, supervisaron este luns a cimentación das naves do Centro de Recría, que executa na Granxa Gayoso Castro a empresa pública dependente do Ministerio de Medio Ambiente, e que están financiadas ó 100% polo organismo provincial con 6 millóns de euros nesta primeira fase.

Gómez Besteiro salientou que, logo de esperar máis dun ano a que a Xunta concedese a declaración de impacto ambiental -imprescindible para comezar os traballos-, o convenio asinado con Tragsa permitiu ó organismo provincial iniciar inmediatamente os traballos da primeira fase, que consistiron no valado, desbroce e preparación dos terreos, recuperando o tempo perdido e rematando antes do previsto o movemento de terras comezado o mes pasado nas 8 hectáreas que ocupará o Centro. “Parece que só somos os socialistas os que facemos obras nesta provincia. Vímolo esta fin de semana co Ministro de Fomento e hoxe vémolo coas actuacións do centro de recría”, setenciou o Presidente.

Pola súa banda, María Luísa Graña subliñou que “hoxe é un día moi especial porque estamos a falar dunha obra na que, non só se están a cumprir os prazos e as expectativas da Deputación, senón que nos estamos adiantando”. A maiores, a dirixente de Tragsa fixo fincapé no feito de que con estes traballos dita empresa pública segue a manter postos de emprego: 150 en Lugo e 1.000 na totalidade de Galicia.

O intenso traballo levado a cabo foi decisivo para que, ademais de finalizar en tempo récord esta actuación, que ademais era un das partes máis laboriosas do proxecto porque afectaba ó nivelado do terreo, hoxe as máquinas comezaran a apertura de zanxas e cimentación das 13 naves de recría que ocuparán 25.000 metros cadrados e cuxas estruturas se levantarán simultaneamente, co fin de que as primeiras estén listas en tan só medio mes.

A finais de febreiro, estarán listas as estruturas das naves que acollerán 3.000 novillas. Contarán con 33,5metros de ancho e un longo de 40,7; 50,7 ou 60,3 metros. A semana que vén, trasladarase o invernadoiro no que os alumnos das titulacións relacionadas coa Horticultura e Xardinería do Instituto de Castro de Rei realizan prácticas. Posteriormente, realizaranse os traballos de saneamento, abastecemento de auga e subministro eléctrico. O prazo de execución desta primeira fase será de 9 meses. Concluídas estas actuacións, a Deputación iniciará os trámites para a segunda adxudicación. Debido á magnitude do proxecto, e co fin de axilizar as obras logo do bloqueo do Goberno galego, a institución decidiu acometer a licitación das obras en dúas fases.

A segunda parte, dotada con outros 6 millóns de euros, incluirá a urbanización, dotación interior das naves e instalación da estación depuradora. Esta permitirá que o Centro sexa autosuficiente, é dicir, con capacidade para xestionar o 100% dos residuos que se xeren, converténdoos en enerxía. Só as 3.000 novillas poden producir 28.000 metros cúbicos ó ano de purín, feito que obriga a facer unha xestión racional e sostible.

“Coa esperanza de que a Xunta recapacite”

En total, o organismo provincial procurará 12 millóns de euros para o primeiro centro público de recría de gando en España. A este respecto, Gómez Besteiro indicou que “comezamos o curso político coa esperanza de que a Xunta recapacite, adheríndose a proxecto. Xa o fixo co mundo do cooperativismo pero é necesario que siga mirando ó campo e ó rural co fin de manter as explotacións de Lugo. Ten que ter en conta que o leite e a carne son para a provincia como a Citroën para Vigo. A administración autonómica debe reorientar as súas políticas cara o rural, apoiando este centro de recría que non só é importante para Lugo senón co é para toda a Comunidade. Ó igual que fomos capaces de chegar a acordos políticos en materia de prevención de incendios e na transferencia de hospitais, tamén temos que ser eficientes nesta materia, facendo que o 1º centro de recría público en España esté cofinanciado por Deputación e Xunta. Nunca é tarde. Por iso, agardo que o Goberno galego se sume a este proxecto. Dende logo, se eu fose o Presidente da Xunta non consentiría que a administración autonómica non participase”.

Este centro de recría é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo en Galicia nas últimas décadas ó triplicar a capacidade dos 14 centros existentes na Comunidade. Permitirá ós gandeiros incrementar a productividade e competitividade, facilitando a incorporación de animais co máximo nivel produtivo e xenético ás súas explotacións. Así mesmo, reducirá en 300 euros o gasto que lles supón recriar cada novilla en centros externos como o de Zaragoza, no que este servizo ronda os 1.500 euros por cabeza. Ademais, asegurará a continuidade das explotacións gandeiras de Lugo, mantendo non só os postos de traballo existentes senón fixando poboación no rural. A provincia ten máis de 16.700 explotacións, o 35,4% de Galicia, nas que se produce o 45% da cota láctea de toda a Comunidade.