Deputación de Lugo

A Federación de Centros Galegos de Cataluña elixe no seu XX aniversario Cervantes para a Xuntanza Trobada

O Deputado de Economía do Rural, xunto ós Alcaldes de Cervantes e Lugo, fixo de anfitrión da visita guiada ós Ancares na que participaron 100 membros deste colectivo Fernández, Gómez e Orozco recibiron a Insignia de Ouro da Federación en recoñecemento ó apoio da Deputación e estes Concellos ós galegos emigrados a Cataluña

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, xunto ós Alcaldes de Lugo e Cervantes, José López Orozco e Benigno Gómez, respectivamente, recibiron este mércores na Casa Consistorial do Concello cervantino a 100 galegos residentes en Cataluña. Son membros da Federación de Centros Galegos de Cataluña, colectivo que este ano elixiu dito municipio da Montaña luguesa para celebrar o encontro que cada ano, durante a época estival, realizan en Galicia; a denominada “Xuntanza Trobada”.

Esta xornada organízase dende hai 5 anos co obxectivo, segundo apunta o Presidente da Federación –Luís Lamas-, “volver a los orígenes, encontrándonos con familiares y amigos en una emotiva reunión que celebramos en un lugar especial de nuestra tierra natal”. Logo de levar a “Xuntanza Trobada” a Santiago de Compostela, Vedra, Xares, Castro Caldelas e a Ribadeo en anteriores convocatorias, este ano, con motivo do XX aniversario da Federación, este colectivo decidiu que fose a provincia lucense, en concreto a Montaña, o seu escenario “en agradecimiento a la colaboración que el colectivo recibe desde Lugo para desenvolver su actividad”.

Deste xeito, a Federación de Centro Galegos de Cataluña quixo recoñecer o apoio da Deputación e os Concellos de Lugo e Cervantes, facendo entrega da Insignia de Ouro do colectivo a José Fernández, López Orozco e Benigno Gómez, e converténdoos en Socios de Honra.

Visita a Piornedo

Tras a recepción no Concello cervantino que tivo lugar ás 10:00 horas, o Deputado de Economía Rural e do Mar e os Rexedores fixeron de anfitrións da visita guiada polo Piornedo que transcorreu dende ás 11:30 horas ás 14:00 horas. José Fernández quixo amosar “esta xoia lucense, que forma parte dunha das 3 Reservas da Biosfera que temos na provincia: Os Ancares”.

O Deputado fixo fincapé no impulso da zona que está a realizar a institución provincial en colaboración cos Alcaldes mediante programacións como Lug02. “Traballamos para rematar coa discriminación que durante anos sufrimos na Montaña mediante a posta en valor dos recursos naturais que outros non souberon ou non quixeron ver. Estamos a piques de arrincar a segunda parte dun proxecto dotado de 6,5 millóns de euros, financiado pola Unión Europea, co fin de crear novos postos de traballo e frear o despoboamento demográfico. É por iso, que vos convido a redescubrir Os Ancares para que trasladedes, máis alá das nosas fronteiras, a riqueza natural da nosa provincia”.

Posteriormente, todos os participantes nesta xornada xantaron no Hotel Piornedo para logo arrincar un torneo de billarda nas inmediacións de dito establecemento que contou con 3 trofeos valorados en 500, 300 e 150 euros.

Federación de Centros Galegos de Cataluña

A Federación de Centros Galegos de Cataluña está formada por centos de galegos, dos que o 60% proceden de Lugo. Os seus membros repártense en 18 centros situados en: Barcelona, Cornellá, Hospitalet de Llobregat, Andorra, Tarragona, Sardagoñala del Vallés, Mollet del Vallés e Cerdanyola del Vallés. Dende a súa fundación, hai 20 anos, organizan múltiples actividades para promover a cultura de Galicia en Cataluña. Entre elas, atópase a celebración do San Froilán catalán ou o Día das Letras Galegas. A súa labor xa foi recoñecida por distintas institucións.