Deputación de Lugo

A Deputación garante a execución do PEIM na provincia aportando o 10% do orzamento

- Gómez Besteiro asinou coa Conselleira do Medio Rural o convenio a través do cal a Deputación, por 1ª vez, financia con 742.000 euros o programa de arranxo de camiños municipais 2014-2015, impulsado pola Unión Europea - O Presidente enmarcou o acordo na “máxima vontade de colaboración institucional nun dos eidos prioritarios para a Deputación de Lugo, como é o medio rural e o sector primario”. “Cremos que se pode vivir no rural e do rural”, subliñou

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, asinaron este venres en Santiago de Compostela o convenio a través do que o organismo provincial aportará 742.000 euros para financiar, por primeira vez, o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) 2014-2015. A contribución da Deputación supón o 10,1% do orzamento total destinado a este plan europeo de mellora de camiños de titularidade municipal dos 67 Concellos da provincia, que ascende a 6,8 millóns de euros, e garante a súa execución, logo de que durante dous anos -2011 e 2012- a Xunta non o levase a cabo.

Depende da Unión Europea
Pola súa banda, a administración autonómica, por medio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, achega o 2,05% do presuposto (141.300 euros) e o Ministerio de Medio Ambiente o 12,13% (832.500 euros), mentres que a Unión Europa, a través dos fondos FEADER, aporta o groso do orzamento, o 75% (5.147.000 euros). De feito, o PEIM é froito das axudas da UE, e os prazos de execución deben adaptarse ao calendario fixado na convocatoria de fondos comunitarios.

Unha vez asinado o convenio, a Xunta debe comunicar oficialmente aos 67 Concellos da provincia a contía que lles corresponde para que seguidamente estes poidan elaborar os proxectos e enviarllos á administración autonómica para recibir o visto bo. A previsión é que as obras poidan comezar a finais de ano, aínda que, como na súa gran maioría se trata de regos asfálticos e aglomerados, dependerán das condicións meteorolóxicas.
A Deputación, comprometida co rural
O Presidente enmarcou este convenio na “máxima vontade de colaboración e lealdade institucional nun dos eidos prioritarios para a Deputación de Lugo, como é o medio rural e o sector primario”. “Cremos que se pode vivir no rural e do rural, e que o investimento nas infraestruturas rurais, como garante este convenio, é unha das armas máis útiles para mellorar a calidade de vida dos veciños e para loitar contra o despoboamento”, subliñou Gómez Besteiro, quen sinalou que a Deputación está “totalmente comprometida con estes obxectivos” impulsando, entre outras, iniciativas como as seguintes:

  • Inviste en solitario, sen apoio da Xunta, 12 millóns de euros no primeiro centro público de recría de gando vacún de España, que estará en funcionamento no 2015.
  • Constrúe o primeiro centro público de Galicia de despece de caza na Fonsagrada.
  • Foi a primeira Deputación de Galicia en ofrecer axudas directas ós agricultores e gandeiros para poñer en produción terras abandonadas.
  • Mellora a comercialización dos produtos autóctonos cunha plataforma de comercio electrónico para as PEMES e autónomos lucenses (www.losproductosdelugo.com) e  impulsa marcas de calidade para eses produtos.
  • Desenvolveu o plan de emprego Fórmate en Verde, no que participaron máis de 1.400 persoas, e grazas ó que se crearon 15 novas empresas vinculadas á gandería e a agricultura ecolóxicas, e a xestión forestal sostible.
  • E levou a cabo, en cooperación coa empresa Alibós, un proxecto pioneiro na comunidade co que recuperou 225 hectáreas de soutos para facer da produción da castaña unha actividade rendible.