Deputación de Lugo

A Deputación completa esta semana as auditorías para renovar a certificación ambiental ISO 14001 en 14 praias da Mariña

O Concello de Burela decidiu descolgarse dun proxecto que ten un custe cero para os municipios e grazas ó que os areais mariñanos son un referente de calidade e España Ribadeo, Viveiro e Foz aspiran a manter o prestixioso distintivo, que leva consigo importantes beneficios como a implantación de melloras continuas nas praias en canto a xestión de residuos, limpeza e servizos, e a promoción exterior

A Deputación completará esta semana os traballos de auditoría para renovar a certificación ambiental ISO 14001 en 14 praias da Mariña, un proceso que ten un custe cero para os Concellos, pois a institución financiarao ó 100%, como xa fixo o pasado ano para a implantación deste prestixioso selo de calidade. Viveiro, Ribadeo e Foz manteñen o seu compromiso con este proxecto, mentres que o de Burela, tras participar en tódalas reunións previas ó inicio das auditorías, decidiu descolgarse a última hora, antes de comezar ditas tarefas. O Concello do Vicedo tamén se desvinculou, neste caso xa en outubro, antes de comezar o proceso para renovar o certificado. Deste xeito, a non ser que asuman o custe con fondos propios, ambas entidades locais perderán o distintivo que lograron o pasado ano para seis areais, tres bureleses –A Marosa, O Portelo e Ril- e tres vicedenses – Xilloi, Abrela e Areagrande-.

Aínda que os Concellos se comprometeran a asumir os custes das auditorías necesarias para renovar a ISO 14001, que deben facerse cada ano, a Deputación tomou a decisión de financiar esta primeira avaliación, tendo en conta a delicada situación económica pola que atravesan as administracións locais. Deste xeito, a institución lucense afórralles 7.300 euros a cada un dos municipios participantes, reforzando a súa aposta por que as praias mariñanas sexan un referente de calidade en España e, ó mesmo tempo, potenciando a súa liña de cooperación e asistencia ós municipios da provincia.

Boas perspectivas

Un equipo de traballo desenvolve as auditorías dende mediados de outubro e, a falta de sabelas conclusións, a Deputación ten boas perspectivas e confía en que todos os areais renovarán a certificación de calidade, dado o alto grao de implicación dos Concellos e dos seus técnicos para cumprir cos requisitos esixidos. Tendo en conta que as avaliacións rematarán nesta última semana de novembro, a Deputación cumprirá cos prazos esixidos para renovala certificación, desenvolvendo unha xestión eficiente e amosando o seu compromiso coa Mariña e o seu sector turístico. Trala baixa do Vicedo e Burela, as praias que serán sometidas a exame son 14:

- Ribadeo: As Catedrais e Os Castros

- Foz: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa e Arealonga

- Viveiro: Covas, Area e Sacido

Beneficios medioambientais, de imaxe e económicos

Este tipo de recoñecemento, concedido segundo a normativa europea EMAS, leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.