Deputación de Lugo

A Deputación expón o proxecto Lug02 como fórmula de xestión medioambiental de éxito no 5º Encontro CONAMA Local en Vitoria

A Deputada de Medio Ambiente participa neste foro, o principal encontro de entidades locais que se celebra en España co fin de promover políticas en favor da sostibilidade e a mellora da calidade de vida A institución luguesa deu a coñecer seis estratexias que levou a cabo para converter o medio ambiente na oportunidade económica da provincia, contribuír ó desenvolvemento sostible do medio rural, crear emprego e fixar poboación Grazas á concesión de novos fondos europeos, a Deputación continuará co programa Lug02, que contará na súa nova andaina cun presuposto de 6,5 millóns de euros, dos que 4 están contemplados no Orzamento de 2012 que a entidade acaba de aprobar

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou na cidade vasca de Vitoria no 5º congreso CONAMA Local, o principal encontro de entidades locais que se celebra en España para compartir experiencias e fórmulas de éxito co fin de reformular as políticas de actuación en favor da sostibilidade e a mellora da calidade de vida. Nestas xornadas, que comezaron o martes e conclúen este xoves, López Izquierdo expuxo o firme compromiso que a Deputación mantén co medio ambiente e os bos resultados das súas actuacións neste ámbito, principalmente desenvolvidas a través do programa Lug02. A fundación CONAMA, unha das entidades medioambientais máis prestixiosas de España, creada ó abeiro do Ministerio de Medio Ambiente, organiza o evento, que, baixo o lema Reformulando juntos las Ciudades, reuniu a un centenar de conferenciantes de todo o país, do resto de Europa e de Iberoamérica, e a máis de 600 asistentes, entre eles representantes de administracións locais e organismos provinciais, empresas, investigadores, asociacións e persoal docente. Ademais da de Lugo, estiveron presentes, entre outras, as deputacións de Burgos, Huelva, Álava, Barcelona, Cáceres, Granada, Alacante, Valencia, Cidade Real e Cádiz.

A institución luguesa acode por cuarto ano consecutivo a este congreso, logo de que CONAMA considerase que as políticas medioambientais que a institución desenvolve merecen ser difundidas a nivel nacional pola súa incidencia no desenvolvemento sostible do medio rural e demostrar que o medio ambiente pode ser a oportunidade económica dunha provincia, crear emprego e fixar poboación. En concreto, como exemplo das accións da Deputación en medio ambiente, déronse a coñecer no encontro seis estratexias, a maioría desenvolvidas por medio do Lug02. Para elo, instaláronse seis paneis explicativos no lugar de celebración das xornadas, o Palacio Europa de Vitoria, que puideron ver os centos de asistentes. As estratexias difundidas son as seguintes:

Programa Lug02: os proxectos de economía medioambiental son unha dos eixos da acción de Goberno da Deputación de Lugo, pois segundo os expertos, é unha das liñas imprescindibles a levar a cabo, xunto as novas tecnoloxías e a formación para a inserción laboral, para equilibrar o rural e fixar poboación. O Lug02 é un proxecto para o desenrolo endóxeno dos municipios incluídos nos espazos naturais protexidos da provincia mediante a valoración dos recursos naturais dispoñibles e a sensibilización ambiental dos veciños e os visitantes. Na primeira fase deste programa realizáronse en catro anos 80 contratos, cos que se crearon máis de 60 postos de traballo directos para a execución do plan. Tamén se creou a marca de calidade Lugo Sabe, que obtiveron 35 empresas agroalimentarias, para poñer en valor e abrir novas vías de comercialización ós produtos autóctonos.

Navegador Xeográfico deLugo. Posto en marcha precisamente a través do Lug02 o pasado mes de febreiro, pon a disposición dos veciños e turistas todos os recursos e atractivos existentes nas tres Reservas da Biosfera e no Courel, tanto ambientais, como culturais, turísticos e empresariais. Trátase dun Sistema de Información Xeográfica (SIX), o primeiro sobre as Reservas creado en Galicia, que permite ó usuario navegar por un mapa da provincia e, poñéndose enriba do lugar que lle interesa, descubrir todo tipo de información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse, así como ofertas de lecer ou eventos culturais. Pode accederse ó navegador a través das direccións www.delugo.org ou www.delugo.es

Estudo en colaboración coa USC para reducir accidentes de tráfico por fauna salvaxe, detectando os puntos negros e as especies máis perigosas co fin de aplicar solucións específicas.

Programa Km0.: Incluído tamén no Lug02, esta iniciativa, que busca mostrar os atractivos da provincia ós propios veciños, contribuíu ó mantemento de 3.000 postos de traballo directos e indirectos en diversos sectores. Máis de 27.000 veciños redescubriron a provincia coas súas rutas dende que se puxo en marcha, no ano 2008. En setembro comezou a cuarta tempada.

Programa de formación continuada a gandeiros para diminuír o impacto que xeran os residuos das súas explotacións.

Certificación ambiental ISO 14001 de praias mariñanas. A Deputación xestionou este prestixioso selo de calidade, concedido segundo a normativa europea EMAS, para 17 areais lucenses, converténdoos nun referente de calidade en España e potenciando o seu atractivo, ademais de fomentar melloras continuas na xestión de residuos, limpeza e servizos ós usuarios.

A Deputación poderá continuar co programa Lug02 grazas á concesión de novos fondos da Unión Europea, que premiou ó organismo lugués revalidando todas as súas propostas para a convocatoria 2011-2013. Na súa nova andaina, o proxecto medioambiental contará cun presuposto de 6,5 millóns de euros, dos que 4 están contemplados no Orzamento que a institución provincial acaba de aprobar para o ano 2012.

Xornada Técnica sobre o papel das deputacións

Sonsoles López Izquierdo tamén participou nunha xornada técnica sobre o papel das deputacións e outros gobernos locais intermedios no desenvolvemento local. A Deputada defendeu que os organismos provinciais son un instrumento fundamental para un desenvolvemento sostible dos municipios, en particular para os pequenos e medianos, que son a maioría na provincia de Lugo. As entidades locais intermedias como as deputacións, engadiu, deben artellar mecanismos para aforrar custes ós Concellos e por extensión ós veciños, tendo en conta a delicada situación económica pola que atravesan; que garantan a prestación de servizos públicos básicos, que tan decisivamente determinan a calidade de vida dos veciños; que melloren a eficiencia na xestión e a calidade deses servizos; e que combatan a sangría demográfica que padecen, sobre todo no rural.

Outros temas abordados no congreso de CONAMA, a través de conferencias, xornadas técnicas ou obradoiros, foron enerxía e cambio climático, mobilidade sostible en tempos de crise, cidades máis verdes, e produción, saúde e consumo. Neste senso, a Deputada de Medio Ambiente mostrou grande interese e participou activamente no coloquio final da Mesa Redonda sobre Estratexias Locais de Aforro Enerxético e Loita contra o Cambio Climático, interesándose polo novo lema “desenvolvemento sen crecemento” postulado por Volf Stainbaum, Secretario Executivo do Comité de Cambio Climático e Economía da Alcaldía de Sao Paulo.

A cita incluíu ademais unha serie de visitas para mostrar ós asistentes a cidade de Vitoria, que precisamente tomará en 2012 o relevo de Hamburgo como Cidade Verde Europea. A Fundación CONAMA organiza cada dous anos o Congreso Nacional de Medio Ambiente e, desde 2006, promove tamén este congreso dirixido especificamente ás entidades locais, que cada edición se celebra nunha localidade distinta de España.