Deputación de Lugo

A Deputación instala 3 MUPIS con acceso a Internet na Praza de San Marcos para impulsar a promoción da provincia

Imaxe deputación de lugo
Os Mobles Urbanos de Presentación de Información contan con paneis expositores e cun monitor táctil de 46 polgadas con conexión wifi, nos que veciños e visitantes poderán consultar todo tipo de datos referidos ás actividades, recursos e atractivos de LugoEsta actuación acometida co programa tecnolóxico Innova-TE reforza o carácter innovador e funcional do entorno do Pazo de San Marcos, despois de que o organismo provincial o convertese o pasado verán na primeira praza wifi da cidade

A Deputación abriu unha nova canle para impulsar a promoción dos recursos e atractivos da provincia instalando 3 MUPIS –Mobles Urbanos de Presentación de Información- na Praza de San Marcos da capital, un deles interactivo, pois dispón de conexión libre e gratuíta a Internet. Os veciños e visitantes poderán coñecer e consultar nos puntos de información colocados neste gran espazo público grazas ó programa tecnolóxico Innova-TE todo tipo de datos de interese, tanto sobre as actividades organizadas polo organismo provincial ou por outras entidades lucenses, como de produtos autóctonos ou alternativas turísticas, que se irán actualizando de maneira periódica. Os MUPIS, cunhas dimensións de 2,5 metros de ancho e 3 de alto cada un, cun peso total de 2.100 quilos e fabricados en aceiro, están situados do lado da praza que dá a Santo Domingo.

A estrutura está composta por tres paneis expositores con iluminación LED, que se dotarán de inmediato de contidos, e por un monitor táctil de 46 polgadas con acceso wifi a Internet, que tamén estará en breve en funcionamento. As características da conexión á Rede deste punto interactivo de información son as mesmas cas da praza, é dicir, 256 kas, a velocidade máxima permitida para espazos públicos con wifi. O consumo dos MUPIS e moi reducido, duns 50 quilovatios ó mes, o que equivale ó 5% da enerxía que consume un semáforo.

Esta nova actuación, que a Deputación levou adiante con fondos do Innova-TE, financiado ó 70% pola Unión Europea, reforza o carácter innovador, moderno e funcional do entorno do Pazo de San Marcos, despois de que o organismo provincial o convertese o pasado verán na primeira praza wifi da cidade grazas ó mesmo programa tecnolóxico.

Un espazo amplo e luminoso

A instalación dos MUPIS complementa así mesmo o proxecto acometido a través do Plan URBAN que converteu as inmediacións de San Marcos nun amplo e atractivo espazo público grazas á peonalización da praza de en fronte do inmoble e á apertura dos xardíns traseiros. Coa iniciativa emprendida por Deputación e Concello, que souberon captar fondos europeos a través do URBAN para impulsalo casco histórico da cidade lucense, en catro anos San Marcos pasou de ser aquela vía de paso, escura, pola que se camiñaba rápido porque había correntes de aire a converterse, nun espazo aberto, moi luminoso e tan concorrido como era en tempos pasados.

O proxecto, cun orzamento de 1,2 millóns de euros, abarcou intervencións na zona delimitada pola Praza do Ferrol, rúa Bolaño Ribadeneira e Praza de Santo Domingo, incluíndo a totalidade de Praza de San Marcos. Proxectouse, polo tanto, a mellora dunha contorna urbana de importancia capital en canto á súa relevancia como enclave estratéxico local para potenciar o patrimonio histórico da cidade. Incorporáronse e renováronse así mesmo servizos urbanos básicos, substituíronse canalizacións de abastecemento e saneamento, e instalouse alumeado público soterrado.

Tamén se apostou pola sostibilidade ambiental, instalando un depósito de augas pluviais dos tellados que se empregarán no regado dos xardíns. Na área específica de xardinaría pretendeuse reordenar na súa totalidade, unindo as especies arbóreas que se conservan ó novo deseño, pensando nun mínimo mantemento coa instalación de rego automático en tódalas zonas de plantación. Todas estas actuacións encamiñáronse a acadar unha interrelación entre dous ámbitos que se atopaban disociados: a praza e o xardín.

As obras en San Marcos tamén tiveron a súa importancia dende o punto de vista histórico, pois permitiron sacar á luz restos do acueduto romano de Lugo, parte da cimentación do antigo hospital de Isabel II, que ocupou o lugar no que hoxe se atopa a Deputación, e algunhas pezas de cerámica romana.