Deputación de Lugo

A Deputación arranca un plan de actuación dotado con 1 millón de euros para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares

Imaxe deputación de lugo
Sonsoles López Izquierdo presentou as primeiras actividades dun proxecto financiado ó 70% polo Estado e que persegue difundir os recursos e valores das Reservas, e favorecer a xeración de oportunidades económicas relacionadas co medio ambiente e o ruralO programa comeza cun ciclo de 5 xornadas, con acceso libre e gratuíto, que se desenvolverán neste mes de febreiro e abordarán cuestións como a reforma da PAC, o cooperativismo e a demografía ou a xestión de residuos As persoas interesadas en anotarse poden chamar ó número de teléfono 982-26-01-47 ou enviar un correo electrónico a lugo2@deputacionlugo.org

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou este xoves en San Marcos as actividades coas que a Deputación pon en marcha un plan de actuación dotado con 1 millón de euros para garantir a conservación e impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, espazos protexidos pola UNESCO dos que o organismo provincial é o máximo responsable. O proxecto é froito dun convenio asinado entre a institución luguesa e o Ministerio de Medio Ambiente, segundo o que o departamento estatal achega o 70% do orzamento.

López Izquierdo explicou que os obxectivos fundamentais son, “por unha banda, difundir de xeito rigoroso e atractivo entre a cidadanía en xeral e entre os profesionais vinculados a todo o que ten que ver co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera para garantir a súa conservación e xestión sostible e, por outro lado, favorecer a xeración de emprego e fixar poboación impulsando novas actividades económicas relacionadas co medio ambiente e o rural”. A Deputada ofreceu un dato que “dá boa idea do potencial laboral que ten o medio ambiente: O número de postos de traballo relacionados con este ámbito medrou en España na última década nun 235%, superando a día de hoxe ós 500.000 empregos -24.000 deles en Galicia-, e prevese ademais chegar ós 2,5 millóns no ano 2020 en todo o país. As opcións son numerosas: ademais da xestión de residuos e da auga, está o ecoturismo, enerxías renovables, protección e mantemento de zonas naturais, servizos ambientais a empresas, I+D+i...”

As acción coas que a Deputación arranca o convenio do Ministerio de Medio Ambiente son 5 xornadas formativas e de divulgación medioambiental, con acceso libre e gratuíto, que se desenvolverán ó longo deste mes de febreiro e que “tratarán temas de completa actualidade e prioridade para a nosa provincia, como por exemplo: a reforma da PAC, o cooperativismo e a demografía, o tratamento de augas residuais ou a xestión dos xurros das explotacións gandeiras”, resaltou López Izquierdo.

Datas e contidos

A programación das xornadas organizada polo organismo provincial é a seguinte:

1. O Medio Ambiente e a Nova Política Agraria Común:
Esta primeira xornada terá lugar o vindeiro xoves, 9 de febreiro, entre as 11:00 e as 14:30 horas, no Salón de Actos da Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea. Está dirixida principalmente ó sector agrogandeiro, aínda que poderá participar calquera persoa interesada. O aforo máximo será de 200 persoas.

O eixo deste encontro será a nova reforma da PAC de cara a 2014, que nestes momentos está en plena fase de debate no seo da Comisión Europea. “Sen dúbida, esta é a política común máis importante, e as directrices que marca e os fondos orzamentarios que fixa teñen unha incidencia directa sobre a nosa provincia, dado o peso fundamental que ten a agricultura e a gandería no noso tecido socioeconómico”, argumentou a Deputada de Medio Ambiente. O conferenciante será secretario do sindicato Unións Agrarias en Lugo, José Rodríguez Blanco.

No marco da mesma xornada, terá lugar tamén unha conferencia sobre o tratamento de xurros e as subvencións existentes neste ámbito, que ofrecerá a empresa Novotec, unha das consultoras de medio ambiente máis prestixiosas de España. Sonsoles López sinalou que se decidiu tocar este tema “porque a aplicación dos residuos procedentes da actividade gandeira na agricultura de maneira descontrolada ten un impacto moi negativo no solo e nos acuíferos, e hai que poñerlle fin”.

Finalmente, haberá unha charla sobre o primeiro centro de recría público en España, que está a levantar a Deputación na Granxa Gayoso Castro, e unha visita guiada ás obras. O director da propia Granxa, Miguel Ángel Fernández, e Elena Iglesias, a delegada en Lugo de Tragsa -a empresa que acomete as obras- acompañarán ós participantes no percorrido para darlles as explicacións e a información que requiran.

2. Xornada O Cooperativismo, unha Fórmula contra o Despoboamento e presentación do libro Lugo Reacciona
O día 15 de febreiro, no Salón de Actos da Deputación, celebraranse dúas convocatorias estreitamente vinculadas: a xornada O Cooperativismo, unha fórmula contra o despoboamento, que terá lugar entre as 16:30 e as 19:30 horas, e a presentación do libro sobre demografía Lugo Reacciona. Debate con propostas de futuro contra o despoboamento demográfico, prevista para ás 19:45 horas. “Ambos actos están intimamente vinculados porque o tema que se tratará nas xornadas, o cooperativismo, é unha das principais propostas que figura no libro Lugo Reacciona para frear a caída libre da poboación que está sufrindo a nosa provincia. Galicia é tradicionalmente minifundista –microfundista din algúns-, ata o último extremo. O que queremos é que pase a ser cooperativista, xuntando recursos humanos e materiais para aforrar custes de produción e aumentalos beneficios”, argumentou a Deputada.

En ámbolos dous actos participarán os mellores expertos na materia, os mesmos que fixeron no libro Lugo Reacciona unha rigorosa análise da situación, das causas e das posibles saídas. Entre eles están Xosé Gabriel Vázquez Fernández, o director das xornadas e doutor en Socioloxía; José Manuel Colmenero Álvarez, delegado en Lugo do Instituto Nacional de Estatística; Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago; e Melchor Fernández, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC.

3. Xornada Formativa sobre a Depuración de Augas Residuais
Terá lugar o día 16 de febreiro, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Sonsoles López sinalou que “nestas xornadas invitamos a técnicos municipais relacionados coa campo do medio ambiente a coñecer a Estación Depuradora de Augas Residuais de Lugo, unha infraestrutura punteira e modélica a nivel galego, tanto pola obra civil realizada, como pola súa avanzada tecnoloxía”. De feito, este proxecto foi distinguido polos Premios San Telmo de 2011 por ser a mellor obra civil terminada nese ano na comunidade autónoma. Os Premios San Telmo convócaos o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para premiar a integración medioambiental das obras realizadas na comunidade e a súa influencia na mellora da calidade de vida dos galegos.

O técnico de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Miguel Ángel Negral, dirixirá a visita á EDAR, na que poderán participar como máximo 25 persoas. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

4. Xornadas Lúdico-Formativas sobre o Complexo Húmido Terra Chá para Escolares
Terán lugar os sábados día 11 e 25 de febreiro, entre as 17:00 e as 19:30 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño. Están dirixidas ós escolares que cursan Educación Primaria na Terra Chá e consiste nunha actividade didáctica na que se lles mostrará ós nenos de xeito divertido a importancia dos ríos, e a súa fauna e flora. Para elo, traballarán sobre un manual con coidados textos e debuxos que se lles entregará ese día. Os pais e as nais dos rapaces poderán participar nas actividades, que dirixirán investigadores da Universidade de Santiago.
Neste caso, as prazas tamén son limitadas -haberá 25 por sesión- e cubriranse por rigoroso orde de inscrición.

5. Xornadas Técnicas sobre as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares
Por último, estas xornadas sobre as Reservas terán lugar os días 23 e 24 de febreiro en Madrid, na Universidade Politécnica. Segundo destacou a Deputada de Medio Ambiente, a decisión de levar este seminario á capital española responde “a un dos nosos obxectivos fundamentais: difundir e concienciar dos valores e recursos naturais do noso territorio á cidadanía en xeral, pero en especial ós profesionais que, dun xeito ou outro, están vinculados co medio ambiente. Cremos que esta é unha das fórmulas para garantir a conservación e o desenvolvemento sostible”.

Nestas xornadas haberá estudantes e mozos titulados en enxeñerías, turismo, ciencias ambientais e biolóxicas, entre outras ramas, “e falaremos das características das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, pero tamén do que facemos na Deputación para impulsar estes territorios, desde o punto de vista da conservación e do económico, como pode ser a creación das marcas de calidade Lug0Sabe e Lug02 para poñer en valor os nosos produtos autóctonos e os servizos de hospedaxe, ou a certificación ambiental ISO 14001 implantada nas praias mariñanas, que abre unha nova vía de promoción da Costa”, asegurou López Izquierdo.

Como informarse e inscribirse

Todas aquelas persoas que estean interesadas en recibir información ou anotarse nesta serie de xornadas poden chamar ó número de teléfono 982-26-01-47, ou ben enviar un correo electrónico á dirección: lugo2@deputacionlugo.org O prazo permanecerá aberto hasta esgotarse as prazas dispoñibles.

Outras actuacións

Outras das actuacións previstas no convenio co Ministerio de Medio Ambiente consistirán en potenciar rutas de interese nas Reservas Terras do Miño e Os Ancares, impulsar os negocios da zona; desenvolver campañas de información en colaboración coas empresas para a posta en valor dos servizos existentes nas Reservas; sinalizar as Reservas segundo as directrices da Rede Española de Reservas da Biosfera; e crear páxinas web con toda a información económica, social e ambiental destes espazos protexidos.

Este proxecto complementa as iniciativas que a Deputación levará adiante no marco da segunda fase do plan Lug02, cuxo ámbito de cobertura esta vez será toda a provincia. Dotado con 6,5 millóns de euros, está financiado ó 70% pola UE.