Deputación de Lugo

O Pleno aproba instar á Xunta a correxir a Rede Natura coa abstención do PP, partido que votou a favor no Concello da Fonsagrada

A Deputación, uníndose ás 900 alegacións que recibiu o proxecto do Goberno galego, pide incrementar ata o 40% a superficie de Rede Natura nos municipios próximos a esta porcentaxeA institución acorda, coa negativa do PP, instar ó Executivo Central a derrogar a subida de impostos, así como a poñer en marcha ou axilizar as obras nas A-54 e A-8 Aprobada a declaración institucional en homenaxe ós policías lucenses vítimas da traxedia de Orzán e o nombramento de Isaac Díaz Pardo como Fillo Adoptivo da Provincia

O Pleno aprobou este martes instar á Xunta a corrixir a Rede Natura 2000 na Montaña co fin de evitar o bloqueo e o retroceso económico, así como a grave perda de poboación que xa sofre esta comarca luguesa. PSOE e BNG votaron a favor desta proposta que contou coa abstención do PP, partido político que, pola contra, si apoiou esta iniciativa na Fonsagrada. É e que este Concello acordou por unanimidade manifestarse en contra do proxecto do Goberno galego ó ampliar a Rede Natura ata o 39,7% do territorio total deste municipio, pasando das 3.528 hectáreas actuais ás 17.397 hectáreas. Este incremento conleva, tal e como dicta a Lei do Solo, a prohibición de construcións e instalacións agrícolas, infraestruturas destinadas ó apoio da gandería extensiva e intensiva, granxas, establecementos que aloxen, manteñan ou críen animais, instalacións apícolas, instalacións dirixidas á xestión e explotación forestal ou as vinculadas funcionalmente ás estradas e ó subministro de carburantes. Estas condicións son menos estritas nas localidades onde a porcentaxe de espazos naturais a protexer é superior ó 40%.

Por todo elo, e uníndose ás 900 alegacións que xa recibiu o proxecto da Xunta, o Goberno provincial acordou esixir ó Executivo autonómico as seguintes medidas:

Incrementar ata o 40% a superficie da Rede Natura nos Concellos próximos a esta porcentaxe, como é o da Fonsagrada cun 39,7% ou o das Nogais cun 39,3%, para que non se estanquen nin sufran retroceso. Isto suporía, tal e como explicou a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovable, Sonsoles López Izquierdo, que “o desenvolvemento de ditos municipios non queden abocados. Non é moito pedir. Hai que ter unha plumilla moi fina para deixalo así. Só é cuestión de vontade política”, replicou a Deputada ó PP, sentenciando que “coa súa postura, queda clara a importancia que o Partido Popular lle da á Montaña”.

Consensuar dita proposta cos Concellos afectados xa que, ata o momento, a Xunta non se puxo en contacto coas entidades locais para comunicarlles as consecuencias da iniciativa autonómica.

Especificar que medidas de apoio económico ten previstas o Goberno galego para estas zonas afectadas, posto que 7 anos despois da súa aprobación aínda non se coñecen.

Elaborar con criterios técnicos os mapas de unidades ambientais, de valoración e zonificación para adecualos en maior medida á realidade dos Concellos e se realice unha profunda análise de campo previa co obxectivo de buscar un maior desenvolvemento e mellora da situación que teñen.

Non a subida de impostos

A sesión acordou, cos votos en contra dos Deputados do Partido Popular, instar ó Goberno Central a que derogue as subidas do IRPF e do IBI Urbano, así como esixir ó Presidente de dita administración, Mariano Rajoy, a que cumpra a palabra dada ós españois durante a campaña electoral ó garantir que non ía incrementar os impostos, así como a deseñar un Plan de Acción adicado a reactivar a economía española e a garantir a sostibilidade das contas públicas. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “trátase da maior subida de impostos feita na historia do país. No caso do IRPF, este axuste, segundo as propias estimacións do Ministerio de Facenda, suporalle a cada asalariado un coste adicional de 222 euros de media. A modificación do IRPF tamen afectará ós ingresos que proveñen do aforro. Os que perciben menos de 6.000 euros anuais en concepto de intereses terán que pagar de media uns 25 euros máis. E, no caso do IBI Urbano, o recibo subirá en dous anos o 20%, de tal xeito que un inmoble cunha valoración catastral media de 37.800 euros que o ano 2011 pagou unha media de 197 euros, pasará en 2012 a máis de 220 euros e, en 2013, a máis de 242 euros. Se estas son unhas medidas sociais que veña Deus e o vexa”.

Infraestruturas

Tamén coa negativa do PP, o Goberno provincial aprobou instar ó Ministerio de Fomento a que inicie de xeito inmediato ou ben axilice os traballos na A-54 e A-8. O voceiro provincial do BNG, Mario Outeiro, explicou que, logo de denunciar a semana pasada a paralización de obras, “o PP mobilizou máquinas á zona, facendo operacións de maquillaxe. Xa que vostedes aseguran que estas actuacións están iniciadas pero creen, tal e como apuntaron, que van lentas, propoñémoslles modificar a nosa proposta, instando ó Ministerio a axilizar ós traballos”, cuestión á que se negaron ós populares, alegando que “30 días non dan para moito. Foi un mes perigoso que coincidiu co Nadal”. Por este motivo, Outeiro replicou que “lamentamos o discurso que agora fai o Partido Popular, deixando de lado ós miles de lucenses afectados, cando antes defendían estas cuestións”.

Fillo Adoptivo

A sesión aprobou por unanimidade nomear a Isaac Díaz Pardo Fillo Adoptivo da provincia en recoñecemento do seu compromiso coa difusión da cultura galega, así como o seu extraordinario legado artístico que, de xeito tan especial, repercutiu en Lugo. Trátase dunha proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que necesitaba, tal e como recolle o Regulamento de Honras e Distincións da institución, o apoio de dous terzos da Corporación Provincial para outorgar ó destacado intelectual, recentemente falecido, a maior condecoración da provincia. Dende 1998, data na que se nomeou Filla Adoptiva a María Paz Taboada de Andrés pola “sensibilidade cultural e histórica” da Señora de Tor, non se concedía este título, sendo a primeira vez que o fai o actual Goberno provincial.

Pola contra, non tivo o apoio de todos os partidos políticos a modificación do Regulamento de Honras e Distincións para retirar os títulos da provincia a Franco, á Falangue e a Pilar Primo de Rivera, así como para adaptar este texto á Lei de Igualdade de Xénero e ó galego. Unha vez máis, o PP abstívose. Nembargantes, os cambios nesta normativa foron aprobados polo que, agora, iniciaranse de novo os trámites para a retiradas de ditas honras que, ata o momento e en reiteradas ocasións, frustrou o Partido Popular.

Un minuto de silencio

A sesión arrancou coa lectura por parte de Gómez Besteiro dunha declaración institucional que, a proposta do Presidente, se aprobou por unanimidade en homenaxe “ó acto heroico dos tres policías nacionais lugueses que resultaron vítimas do tráxico incidente que tivo lugar na madrugada do vernes, 27 de xaneiro, na praia do Orzán”. O titular provincial destacou que “a Corporación quere transmitir as máis sentidas condolencias ós familiares de Javier López López, veciño de 38 anos e orixinario da Fonsagrada; José Antonio Villamor Vázquez, de 34 anos, nado no Concello de Friol; e Rodrigo Maseda Lorenzo, de 35 anos e natural do municipio de Burela. A institución únese, deste xeito, ás mensaxes de solidariedade e apoio das miles de persoas que souberon ver a excepcional valentía dos tres axentes lugueses cando, malia o perigo do mar, adentráronse nas augas coruñesas para tentar salvar a vida de dous estudantes de nacionalidade eslovaca. É de xustiza salientar o valor que amosaron os tres policías nacionais, realizando un traballo impagable, ó non dubidar en poñer a súas vidas en perigo para garantir as doutros cidadáns, antepoñendo a súa profesionalidade, así como unha extraordinaria calidade humana. Por todo elo, esta Corporación Provincial quere recoñecer e salientar de maneira especialmente emotiva, a exemplaridade do comportamento destes tres lucense que, facendo coa súa conduta modélica unha actuación de extremo cumprimento do servizo público, serán para sempre lembrados como un referente do que é a entrega abnegada e a total dispoñibilidade ó servizo do interese público”. Finalmente, os Deputados gardaron un minuto de silencio en memoria dos policías nacionais.

En lembranza de Seivane

Posteriormente, Besteiro quixo, tamén antes de tratar os asuntos da orde do día, transmitir “as máis sentidas condolencias á familia do lugués Xosé Manuel Seivane Rivas. Mestre artesán e músico gaiteiro, faleceu recentemente ós 90 anos, despois de toda unha vida dedicada á música tradicional galega e como iniciador e patriarca da mítica saga familiar dos Seivane, ligada á construción de instrumentos musicais e nomeadamente á gaita. Desde que naceu en 1921 na Pastoriza, Seivane iniciou a súa fecunda actividade de artesán primeiro en Fonmiñá e despois en Ribeira de Piquín para, anos máis adiante, continuar unha prolífica carreira con encargos de América, Rusia ou China. Descanse en paz un dos máximos expoñentes na difusión da nosa cultura tradicional”, concluíu.